Desmantelados dous puntos de venda de heroína en Lugo

A Policía Nacional detivo esta semana a dúas persoas por delitos contra a saúde pública por tráfico e venda de sustancias estupefacientes, co que deu por desmantelados dous puntos de venda de droga na a cidade de Lugo.

Unidade da Policía Nacional | Xefatura Superior

A Policía Nacional detivo esta semana dúas persoas por delitos contra a saúde pública por tráfico e venda de substancias estupefacientes, co que deu por desmantelados dous puntos de venda de droga na cidade de Lugo.

Segundo informou a Policía Nacional, a primeira detención produciuse o pasado luns día 20 deste mes. Tratouse dun home de 56 anos de idade, “coñecido nos ambientes da droga”, indican as mesmas fontes, sobre todo na zona norte da cidade. O individuo fora arrestado recentemente por feitos similares.

A Policía puntualizou que utilizaba a súa vivenda como punto de venda de distintas sustancias estupefacientes, e máis concretamente heroína, o que daba lugar a unha afluencia de persoas toxicómanas que establecían “breves e rápidos contactos”, sinala a Policía, que levaban aparelladas un intercambio (droga-diñeiro), o que causou queixas veciñais.

“Dado que tomaba moitas precaucións á hora de moverse, deseñouse un operativo policial, sendo interceptado nun desprazamento a pé”, destacou a Policía.

A segunda detención produciuse o 22 de maio na zona da Tinería. Neste caso, o detido aloxábase na habitación dunha pensión da zona, que utilizaba como lugar de venda de sustancias estupefacientes.

No rexistro domiciliario practicado os axentes interviñeron 120 dose de heroína, 20 gramos de marihuana, útiles para a manipulación da droga, así como 135 euros en metálico.

Ambos os detidos contan con antecedentes penais por feitos similares. O primeiro foi posto en liberdade con cargos, mentres que o segundo, tras pasar este venres a disposición xudicial, foi enviado a prisión.

Os dispositivos policiais foron levados a cabo polo Grupo de Drogas da Brigada Provincial de Policía Xudicial.