Surf, observación de ceos ou sendeirismo: a aposta da Deputación polo turismo intraprovincial

O programa 'Actívate' inclúe actividades científicas, medioambientais ou de aventura en 18 concellos lucenses.

Pilar García Porto e José Tomé presentan 'Actívate' | LX

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e a deputada de Réxime Interior, Pilar García Porto, presentaron este martes o programa ‘Actívate‘, unha iniciativa vinculada ao turismo activo, científico e mindfulness que se celebrará os fins de semana de maio e xuño ao longo de 18 concellos da provincia de Lugo.

Este programa, explicaron, nace co obxectivo de dar a coñecer os recunchos de toda a provincia a través de propostas diferentes para realizar en familia, con amigos ou sós.

Así, darase prioridade á participación dos veciños da provincia, que poderán realizar actividades como a iniciación aos cogomelos de primavera ou ao barranquismo, que se celebrarán o 1 e 2 de maio, pero tamén actividades de sendeirismo, de montaña, surf ou Tai Chi e ioga. Tamén está previsto que se realice unha actividade nocturna para a observación dos ceos no concello de Muras. Todas as actividades serán gratuítas.

Durante o acto, Tomé Roca sinalou que ‘Actívate’ nace pola aposta dun turismo de calidade, non masificado, sustentable, de experiencias, na natureza e que pon en valor o patrimonio. “Desde a Deputación entendemos que promover o turismo de proximidade é unha maneira de axudar á recuperación da economía e tamén unha maneira de promover un lecer seguro en tempos de restricións de mobilidade”, engadiu.