InicioSociedadeAsí será o novo polideportivo que se construirá a carón do centro...

Así será o novo polideportivo que se construirá a carón do centro comercial As Termas

O Concello estima que a súa construción, baixo premisas de sustentabilidade, custará case tres millóns. A asociación Lugo Monumental insta a recuperar outros espazos deportivos do casco histórico que permanecen abandonados.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Lugo proxecta un novo pavillón polideportivo na contorna do futuro barrio multiecolóxico da Garaballa. A construción deste edificio seguirá as premisas de sustentabilidade do programa LIFE Lugo+Biodinámico e responde á “elevada demanda de instalacións deportivas na cidade”.

Así o presentaron dende o goberno local de Lugo na xornada de onte. O orzamento estimado é de 2.940.000 euros para a construción do pavillón, que se erguerá nunha parcela de titularidade municipal na rúa Veiga Grande, fronte ao centro comercial As Termas. Ocupará unha superficie de 3.490’60 m².

A alcaldesa da cidade, Lara Méndez, quixo resaltar que a “eficiencia, sustentabilidade e innovación” rexerán o levantamento destas instalacións, igual ca no caso do edificio Impulso Verde, o xigante de madeira que xa se pode ver a carón da Avenida Infanta Elena. A madeira tamén terá neste caso especial protagonismo.

Así pois, o novo polideportivo disporá dunha pista central multifuncional, catro vestiarios e zonas de almacenaxe. Ofrecerá a posibilidade de albergar competicións de fútbol sala, baloncesto, balonmán, minibasket, voleibol, bádminton, ximnasia rítmica ou outros deportes de interior. Tamén disporá dunha zona de recepción e un espazo de carácter social. Ademais, a zona de bancada terá unha capacidade de ata 1.000 persoas.

E MENTRES… PAVILLÓNS ABANDONADOS

Aínda que o edil de Deportes, Miguel Fernández, xustificou que estas instalacións darían resposta á “cada vez maior demanda de espazos para practicar deporte en interior”, o colectivo Lugo Monumental retrucou para lembrar a existencia do “antigo pavillón da OJE (Organización Juvenil Española), abandonado dende hai anos en pleno corazón do casco histórico”.

A asociación de empresarios insta á Xunta de Galicia a facerse coa completa titularidade do inmoble para así poder rehabilitalo e ofrecer un espazo deportivo no centro de Lugo. Aseguran que “a clave pode estar no PEPRI”, pois unha reforma deste plan “axudaría a que se aclarasen definitivamente os usos desta parcela e facilitaría enormemente a súa adquisición”.

“As novas dotacións parécennos positivas para a cidade, aínda que quizais deberían estar en lugares máis accesibles a pé”, admiten, pero apostan por “recuperar as xa existentes en estado de abandono nun espazo preciado do noso casco histórico”.

ÚLTIMAS

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Identificado un veciño de Lugo por danar un bolardo e quitar outro porque dificultaba o xiro para entrar na súa propiedade

Axentes da Policía Local de Lugo levantaron acta por danos na vía pública e...

Arden varios colectores de madrugada na cidade de Lugo

Varios colectores arderon na madrugada deste mércores na Estrada da Granxa, na cidade de...

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....