A Deputación pídelle á Xunta que aumente o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar

Os socialistas critican que o Goberno galego destine menos de 10 euros/hora para o servizo, cando o seu custo real ascende ata os 18 ou 22 euros/hora.

Pleno provincial do 23 de febreiro do 2021, celebrado de maneira telemática | LX

A Deputación de Lugo reclamaralle á Xunta de Galicia un aumento do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), de acordo cunha moción aprobada en pleno provincial este martes coa abstención do PP.

A moción foi defendida polo deputado socialista Pablo Rivera, quen criticou que o Goberno galego traspase aos concellos a responsabilidade deste servizo que busca previr e atender situacións de necesidade con apoio doméstico, social, educativo, rehabilitador e técnico sen apoiar o seu financiamento.

Neste sentido, o tamén deputado provincial de Promoción Económica e Social reprobou que a Xunta non incrementase a partida destinada ao servizo na última década e que destine 9,70 euros por hora ao mesmo a pesar de que o seu custo real oscila entre os 18 e os 22, o que causa que a diferenza sexa asumida polos concellos e a cidadanía.

Mentres, destacou que a Deputación de Lugo dedica ao SAF case 12 euros por hora nos seus orzamentos de 2021, que suman 92,5 millóns de euros fronte aos 11.563 millóns de euros dos do Executivo galego.

Pablo Rivera explicou que as competencias en servizos sociais corresponden á Xunta, polo que afirmou que o seu traspaso ás entidades locais debe levar a transferencia dos medios precisos, de acordo coa lexislación vixente. Precisamente, subliñou que un informe da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) detalla que os concellos recibiron máis de 17.300 novas solicitudes para acceder a servizos sociais ou axudas durante a primeira onda da pandemia, que sobrecargou en maior medida as arcas municipais.

NOVO MODELO EÓLICO

Noutra orde de cousas, a corporación provincial acordou que a Deputación defenda un novo modelo eólico e reclame á Xunta a modernización do ordenamento do sector compatibilizando o respecto ao medioambiente e o desenvolvemento do mesmo.

Ademais, pedirá ao Goberno galego a creación dunha oficina de asesoramento técnico, administrativo e ambiental para concellos e comunidades afectadas pola actividade eólica.

A este respecto, o deputado provincial Pablo Rivera resaltou o grande incremento do desenvolvemento da enerxía eólica que tivo lugar ata 2008 grazas ao marco regulador que favorecía o seu aproveitamento e a aposta por enerxías renovables, mentres que “entre os anos 2009 e 2018, só se instalaron en Galicia 277 megawatts de potencia eólica”, o que achacou á falta dun plan industrial.

Deste xeito, lamentou a falta de información, asesoramento e alternativas á expropiación ofrecidas a propietarios de terreos, así como que non se lles traslade un marco regulador adecuado nin unha planificación. Como consecuencia, Rivera afirmou que os parques se instalan en territorios da Rede Natura 2000, o que leva o rexeitamento de colectivos ecoloxistas a unha enerxía renovable.

Así mesmo, puxo o foco na porcentaxe mínima dos beneficios xerados que reciben os concellos, o que relacionou co feito de que a Xunta “incumpre a súa propia lexislación sobre o canon e o Fondo de Compensación Ambiental”.

40 ANIVERSARIO DO 23F

Por outra banda, ao comezo do pleno, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, referiuse ao 40 aniversario do intento golpista do 23F, que se conmemora este martes.

Nesta liña, sinalou que unha sesión plenaria representa “unha pequena celebración da normalidade democrática”, consistente no desenvolvemento dun mandato emitido a través das urnas polos cidadáns. Así, chamou a estes últimos a renovar o seu compromiso coa democracia, que “resistiu hai 40 anos un feroz ataque frontal” e que debe reforzarse “cada día” cun traballo cotián.