O PP de Lugo pide unha comisión para investigar o ocorrido coa obra da Fábrica da Luz

O goberno local insiste en que non presentará recurso á sentenza porque a asesoría xurídica ve nesta opción "poucas garantías de prosperar"

Fábrica da luz de Lugo / Youtube

O viceportavoz do PP no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, anunciou que o seu grupo pedirá unha “comisión de investigación” para aclarar o ocorrido coa obra da Fábrica da Luz, logo dunha sentenza que obriga ao goberno local a abonar unha indemnización de 2,4 millóns de euros á empresa INCA.

Os populares trasladaron esta petición un día despois de que o concello anunciase que acatará a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e non presentará un recurso de casación ante este fallo xudicial.

Na sentenza emitida polo alto tribunal galego no mes de decembro, os maxistrados consideran o goberno local responsable da caducidade do contrato subscrito en 2008 coa empresa INCA, á que agora se ten que satisfacer con esa indemnización.

Por iso, o viceportavoz dos populares acusou á alcaldesa, Lara Méndez, e “aos socialistas”, de “hipotecar” a cidade con esta actuación, polo que levarán ao próximo pleno “que sexan os políticos responsables os que paguen a indemnización, e a política principal responsable é a alcaldesa”.

Seguidamente, anunciou que pedirán “unha comisión de investigación para esixir responsabilidades, tanto a Lara Méndez como a outros concelleiros do partido socialista implicados”. Na mesma comisión, xa adianta, non queren que se inclúa a participación da alcaldesa.

POUCAS POSIBILIDADES DE PROSPERAR

Pola súa banda, o portavoz do goberno local, Miguel Fernández, insistiu este xoves en que a decisión de non recorrer o fallo obedece a unha recomendación da asesoría xurídica municipal, que viu nesta posibilidade “poucas garantías de prosperar”.

O acordo coa empresa, destaca, “pon fin a unha causa que comezaba en 2008 e que levaba xa sete anos xudicializada”. Con iso, apuntan, conséguese “unha diminución dos custos que o Concello debe afrontar”, dado que “minora considerablemente a cantidade de intereses que haberá que abonar á empresa”.

Miguel Fernández indicou que, tras un pago inicial de 150.000 euros, ingresarase outro por valor de 1’5 millóns polo dano emerxente, lucro cesante e a devolución da garantía, quedando condicionado un último ingreso de 700.000 euros á xustificación que INCA faga das subministracións e materiais empregados na obra.

En canto ao futuro da Fábrica da Luz, o portavoz do goberno local lembrou que a alcaldesa, Lara Méndez, xa anunciara no mes de xullo que a vontade deste goberno é pór en valor este espazo, moi deteriorado polo paso do tempo. Por iso, en canto as instalacións volvan a mans do Concello, iniciarase “un proceso de participación cidadá para que a sociedade lucense se sitúe ao respecto da súa utilidade pero sempre baixo a premisa de recuperalo para goce da veciñanza”.