InicioSociedadeVilalba preocupa: por que non mellora pese a levar dous meses e...

Vilalba preocupa: por que non mellora pese a levar dous meses e medio con restricións máximas?

A incidencia acumulada aínda supera os mil casos por cada 100.000 habitantes. A alcaldesa do municipio, Elba Veleiro, apunta a "unha pequena parte da poboación que non cumpre coas medidas" como posible explicación.

PUBLICADA O

- Advertisement -

EFE | O municipio de Vilalba mantén unha moi elevada incidencia do coronavirus, unha situación que preocupa porque o concello está baixo o máximo nivel de restricións dende o pasado 22 de novembro. 

Neste momento, o número de casos diagnosticados nos últimos 14 días é de 178, de modo que a incidencia acumulada aínda supera os mil casos por cada 100.000 habitantes en Vilalba. Choca que este municipio sorteara a primeira onda practicamente sen positivos, pero agora é dos máis afectados da provincia.

Para tratar de detectar casos asintomáticos e cortar as cadeas de transmisión, o Sergas realizou xa catro cribados nese municipio, os dous últimos centrados no persoal que traballa no sector servizos e nos mozos de entre 20 e 30 anos.

“UNHA PEQUENA PARTE QUE NON CUMPRE”

En declaracións a EFE, a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, fixo un chamamento a toda a poboación para que respecte as medidas recomendadas polas autoridades sanitarias e lembrou que, con independencia das restricións, a responsabilidade individual é fundamental para reconducir esta situación.

Nese sentido, dixo que “a maior parte da xente cumpre” e moitas persoas asumen “grandes sacrificios”, porque “non se reúnen” desde hai moito tempo coas súas familias nin teñen “contacto coas súas amizades”. Pero tamén recoñeceu que é certo que “hai unha pequena parte” da poboación vilalbesa “que non cumpre” e “aí radica parte da explicación” de que a incidencia “non mellore a pesar desas máximas restricións”.

Pola súa banda, o xerente da área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, recoñeceu que a situación da pandemia no municipio é “preocupante”. “A pesar de que levamos moito tempo” tentando cortar as cadeas de transmisión, dixo Ares, a “incidencia é moi alta”.

Precisamente, a semana pasada o Sergas confirmaba a existencia dun gromo de coronavirus na parroquia de San Simón da Costa, que afectaba a unha vintena de persoas e que podería ter a súa orixe nunha matanza na que participaron varios dos infectados. Fontes sanitarias precisaron que o virus puido propagarse tamén a través de varias comidas familiares, a pesar de que están prohibidas as reunións de persoas non conviventes.

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

O BNG reclama melloras da N6 no seu paso pola provincia de Lugo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha serie de iniciativas parlamentarias...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...