Denuncian unha atención deficiente no centro de saúde do Cádavo: “Derívannos a urxencias”

O PSdeG critica que apenas se reciben pacientes in situ, senón que priman as consultas telefónicas.

Centro de saúde do Cádavo (Baleira) | Páxinas Galegas

O grupo municipal do PSdeG de Baleira denuncia o “desmantelamento sanitario” que sofre a veciñanza do municipio. Aseguran que a atención telefónica prima agora sobre a atención no centro de saúde, onde poucos están a ser recibidos para consultas ordinarias, senón que son derivados a outros centros.

Explicouno a voceira socialista, Laura Burgué, explicouno: “puiden comprobar en primeira persoa como non se está atendendo os pacientes diarios no centro de saúde do Cádavo. Só se atenden por vía telefónica, derivando os doentes ás urxencias hospitalarias que poden colapsar por esta situación”.

Burgué lembrou que unha poboación envellecida require un bo sistema asistencial sanitario nos seus domicilios, “xa que por mor da pandemia fáiselles máis difícil o seu desprazamento”. “En plena pandemia, os concellos pequenos como o de Baleira son os que máis están comprobando a lamentable situación da sanidade da nosa provincia”, engadiu.

Referiuse, así mesmo, a que no centro de saúde do Cádavo só hai un médico para atender máis de 1.200 veciñas e veciñas. “No suposto de que este sanitario tivese que saír a realizar unha urxencia, o centro de saúde queda sen ningunha asistencia médica”, subliñou. Ademais, a situación empeora, di, debido a unha baixa médica no centro. “Os doentes temos que convivir cun facultativo novo cada pouco tempo, o que encarece a nosa asistencia sanitaria”, rematou Burgué.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here