A lucense Pepita, primeira inmunizada en Asturias: “Se non se vacinan todos, isto non marcha”

Esta octoxenaria recibiu este luns a segunda dose de Pfizer, 21 días despois de serlle administrada a primeira fase. A protección contra a enfermidade actívase por completo no prazo dunha semana.

Pepita Paleo recibe a segunda dose da vacina de Pfizer nunha residencia asturiana | J.PETEIRO. POOL / Europa Press

A muller que recibiu a primeira vacina de Pfizer contra a COVID-19 en Asturias, Josefa Paleo, coñecida como Pepita e nada en Lugo, aproveitou este luns para pedir á poboación que se vacine. “Se non se vacina toda a xente da rúa, isto non marcha“, declarou no día no que se lle administrou a segunda dose do antídoto.

Pepita, de 80 anos de idade, recibiu a primeira dose o pasado 27 de decembro na Residencia Mixta de Xixón, onde leva doce anos vivindo. Tal e como sinala o fabricante, a segunda dose debe administrarse pasados 21 días. A partir de aí, a protección contra a enfermidade actívase por completo no prazo dunha semana.

Nada na provincia de Lugo, Pepita fixo un chamamento a todos os cidadáns para que, ademais de vacinarse, cumpran coas normas e para que se “comporten como teñen que comportarse e non ir a botellóns nin facer festas aí, en terrazas, sen máscara e tantas horas, porque iso é un desastre total”. Referiuse á importancia das máscaras, da distancia social e dixo que hai que evitar saídas innecesarias.

En canto ao aumento da incidencia do novo coronavirus que se está observando estes días, Pepita non ocultou a súa preocupación. Dixo que alí, na residencia, séntense seguros.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here