A pandemia avanza a grandes pasos en Lugo, con 90 casos novos

Hai 32 pacientes hospitalizados (cinco máis), mentres que Galicia bate un novo récord de contaxios detectados en 24 horas nunha xornada na que a taxa de positividade volve a niveis de abril.

Un profesional sanitario baixa da ambulancia a un paciente con Covid / EP

A área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte pega hoxe un chimpo importante e preocupante no que respecta ao coronavirus . O Sergas fala dun total de 890 casos activos (80 máis ca onte), con 90 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Así, a provincia case triplica a cifra de casos diarios notificada na xornada anterior.

Asemade, o empeoramento da situación tamén se percibe xa nos hospitais, que hoxe atenden cinco pacientes máis, con repunta na unidade de críticos. Son, en total, 32 hospitalizacións  Delas, o HULA acolle nove en planta e catro na UCI; o Hospital da Mariña, catorce; e o de Monforte, cinco.

Por outra banda, o Sergas comunica 148 falecementos na provincia dende o inicio da pandemia, 6.838 persoas curadas e 136.017 PCR realizadas (1.313 onte).

GALICIA

Pola súa parte, a comunidade galega bate de novo este mércores o récord de contaxios de Covid-19 detectados en 24 horas nunha xornada na que a taxa de positividade se mantén en niveis da primeira quincena de abril. En total, foron diagnosticadas por PCR un total de 928 persoas, o 11% das probas.

Ademais,  continúa o ascenso de hospitalizacións (511, vinte máis ca un día antes) e do total de casos activos, que se multiplicou dende a semana pasada e xa se sitúa nos 9.479.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here