A situación segue empeorando en Lugo, con outros 50 positivos confirmados

Hai xa tres persoas na Unidade de Coidados Intensivos e os casos activos sitúanse nos 778 (27 máis).

Unha sanitaria realiza unha proba PCR a un condutor en Monforte de Lemos (Lugo).. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

A área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte mantén a súa tendencia á alza nos casos de coronavirus, aínda que a evolución é moito menos preocupante ca no resto de áreas galegas. O Sergas contabiliza aquí un total de 778 positivos activos, 27 máis ca un día antes. Na última xornada confirmáronse 50 novos contaxios a través de probas PCR.

Tamén empeora a situación nos hospitais, con 21 pacientes en planta e tres na Unidade de Coidados Intensivos. O Hospital da Mariña é o que máis persoas diagnosticadas de Covid-19 atende (doce).

Por outra banda, Sanidade reconta 147 falecidos dende o inicio da pandemia en Lugo (número ao que habería que sumarlle as mortes de tres usuarios de residencias da provincia que finaron en centros de Santiago e Ourense). A última vítima mortal foi un home de 80 anos que estaba ingresado no Hospital da Mariña.

Así mesmo, os datos históricos revelan que se curaron 6.802 persoas nestes meses e que se fixeron 133.652 PCR.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here