InicioSociedadeA voltas co topónimo dos Ancares: Candín quéreo para si, pero en...

A voltas co topónimo dos Ancares: Candín quéreo para si, pero en Lugo defenden unha identidade común

O concello berciano iniciou o procedemento para adoptar o novo nome. Un grupo de mozas de Navia retrucan a proposta e avogan por entender que "Os Ancares está en todos os municipios onde forma parte da identidade dos veciños".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Boletín Oficial da Provincia de León recollía o pasado 30 de decembro o inicio do procedemento polo cal o concello berciano de Candín pretende mudar o seu nome e pasar a chamarse Ancares. Así o decidiu a corporación municipal nun acordo plenario para trasladar unha suposta reivindicación social que considera o termo dos Ancares como exclusivo daquela zona. Do outro lado da fronteira autonómica, na Montaña luguesa, a noticia produce certo malestar e avógase por defender un futuro e unha identidade comúns tanto para Os Ancares leoneses como para os lucenses.

En Candín entenden que o topónimo Ancares fai referencia unicamente a este municipio e non á serra compartida entre O Bierzo e Lugo. Apóianse en que o río Ancares nace en territorio de seu. O debate xa está aberto dende hai cousa de 30 anos, cando se puxo en marcha unha iniciativa social ao respecto, pero non foi ata agora que isto se fixo oficial.

Un grupo de rapazas de Navia de Suarna que recibiron con mágoa esta nova quixeron unirse para amosar outra perspectiva da polémica. Nun texto redactado pola antropóloga Rita Blanco Prada, lembran que o Porto de Ancares se atopa no municipio naviego, tal como ratificou o Instituto Xeográfico Nacional. Ao tempo, botan man de documentos históricos que acreditan o uso do topónimo dos Ancares para referirse tanto ao porto como a toda o conxunto das montañas.

CARACTERÍSTICAS COMPARTIDAS

“Sen entrar nas consecuencias que isto podería traer para o resto de municipios dos Ancares, o importante é que non se trata de enfrontarse para ver quen ten máis dereito a identificarse como tal”, din. “Ancares son as aldeas que teñen algunhas casas no Bierzo e outras en Galicia; Ancares son os nenos de aldeas de Candín que foron á escola en Cervantes ou en Navia de Suarna; Ancares é a xuventude que está agora loitando por una alternativa nesta zona, traballando en ambas vertentes da serra”.

Propoñen fuxir de conflitos fronteirizos e prestar atención a que se trata dunha “zona cunhas características socioculturais comúns e que comparte os mesmos problemas“. Pouco importa que Os Ancares estea dividido en dous a nivel administrativo, proseguen, porque “a nivel humano sempre foi un só”.

“Aínda que o porto estea en Navia de Suarna e o río naza en Candín, Ancares está en tódolos municipios onde forma parte da identidade dos seus veciños e veciñas“, remata o texto. Daquela, apostan pola colaboración para loitar por unha zona que é “periférica nas dúas comunidades” e facilitarlle un futuro digno e común.

PERÍODO DE ALEGACIÓNS

Coa publicación no BOP de León do inicio do procedemento administrativo para cambiar o topónimo de Candín, ábrese un prazo de 30 días para que calquera que se considere afectado poida presentar as correspondentes alegacións.

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...