InicioSociedadeConfinadas co maltratador: a pandemia tamén agrava o "virus" do machismo

Confinadas co maltratador: a pandemia tamén agrava o “virus” do machismo

A violencia de xénero camiña con máis virulencia da man da Covid. A propósito do vindeiro 25N - Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller - analizamos canda a tres expertas o impacto que teñen os confinamentos e a paralización da actividade para as mulleres en situación de maltrato.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Mulleres que viven presas dunha longa pandemia á que agora se suma outra máis. Mulleres que saben o que é vivir illadas, confinadas, moito antes de que a Covid chegara. Pero se daquela existía algún raio de luz, algunha pequena escapatoria que podía salvalas, a crise do coronavirus, xunto co confinamento, encargouse de pechala de golpe.

A violencia de xénero e a pandemia da Covid superpóñense e fanse máis fortes xuntas. A primeira delas precisa da socialización, da compañía e da axuda presencial para ser superada, e a segunda corre no camiño oposto: impón peches, restricións e confinamentos dentro das casas. Dende a chegada do virus, todas as mulleres en situación de violencia foron abocadas a convivir as 24 horas do día baixo a atenta mirada do seu maltratador. As expertas concordan en que esta pandemia resultou ser a tormenta perfecta para desatar a violencia de xénero no fogar, xa que a perda dos traballos, o incremento da convivencia e o malestar psicolóxico derivado da crise provocaron situacións límite que rompían no maltrato físico e psicolóxico contra as mulleres.

EN DATOS

De feito, as cifras pegaron un salto a raíz do confinamento: as peticións de asistencia ao 016 durante os meses da pandemia subiron en torno a un 60%. Así pois, no conxunto do Estado recibíronse 63.437 chamadas, das que 2.561 procedían de Galicia. Ao mesmo tempo, os xulgados de violencia de xénero descenderon a súa actividade polo menor número de denuncias, que en concreto baixaron un 19’4% en Galicia no primeiro trimestre do ano. Con todo, durante os primeiros meses do 2020 incoáronse 17.370 ordes de protección no Estado, 1.018 delas en Galicia, segundo datos do Consello Xeral do Poder Xudicial. Ademais, actualmente contabilízanse no país 3.733 casos activos por violencia de xénero. 

Sobre a percepción social, unha macroenquisa realizada pola Xunta arroxa estoutro dato importante: o 65,5% das persoas entrevistadas considera que a violencia se incrementou nese período por dous motivos: unha convivencia continuada co agresor e unha dificultade para pedir axuda. E é que, segundo tamén concordan as expertas, as posibilidades de defensa das mulleres en situación de maltrato víronse reducidas co peche da actividade presencial.

MÁIS CONTROL E MÁIS VIOLENCIA

A psicóloga Concepción Rodríguez leva desde o ano 2004 traballando no programa de atención a vítimas de violencia de xénero desenvolvido polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia xunto coa Consellería de Igualdade. A situación do “inescapable” – explica – provocou o desbordamento de moitas mulleres que agora comezan a pedir axuda psicolóxica. “Durante o confinamento viron como desaparecían da sociedade, como deixaban de existir. Subsistiron a estas situacións de maltrato con moitísima soidade e con moita máis tristeza e impotencia. Non se vían con outra posibilidade que non fora a de resistir”.

Esta convivencia pechada e esta imposibilidade das mulleres de saír do fogar, incluso para ir aos supermercados – curiosamente ateigados de homes durante os meses do confinamento -, aumentou o maltrato “en intensidade” e fixo que apareceran expresións de violencia onde non as houbera ata aquel momento. “Se a isto lle unimos a inseguridade que crea a potencial perda de emprego, de poder adquisitivo e de incerteza no futuro, coa frustración que isto supón, para que queremos máis?”, fala agora Lola Ferreiro, psicóloga especializada en saúde e xénero.

Así pois, o confinamento máis estrito do comezo da pandemia e os pequenos peches que se seguen producindo agora dan renda solta ao maltrator. E sobre todo, facilitan un “traballo” que viña desenvolvendo desde sempre: o illamento das mulleres. “Ese labor de ilas afastando de xente que as poida escoitar, apoiar e acompañar, que é fundamental para a continuidade das violencias directas, estivo facilitado desde marzo pola obrigatoriedade de dito isolamento”, asegura Ferreiro. Esta herba mala que é o maltrato busca calquera oportunidade para enraizar, e o medo e a indefensión das vítimas que se acentúa nun contexto xeral de incerteza son o mellor abono para a violencia machista.

Podes ler a reportaxe completa de Uxía Iglesias no Galicia Confidencial.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...