Carmen Lence: “Leite Río xamais desperdicia alimentos, sempre doamos os excedentes”

O grupo lácteo explica que colabora co Banco de Alimentos dende hai 20 anos.

Camións do grupo Leite Río | LX

EFE |  A directora executiva de Leite Río, Carmen Lence, explicou que “o grupo xamais desbota nin desperdicia alimentos”, senón que sempre doa eses excedentes a “causas xustas”, dentro do compromiso social do grupo e da súa intención de colaborar con “entidades sociais que traballan para colectivos de persoas con especial vulnerabilidade”.

Segundo Carmen Lence,  o seu obxectivo, “e unha das razóns de ser da industria alimentaria, é a de poder axudar a construír unha sociedade máis inclusiva e solidaria”. “No noso caso, iso tradúcese contribuíndo a favorecer unha alimentación segura, saudable e nutritiva para todos, sexa cal for a súa situación”, engadwiu.

Dese modo, “todos os alimentos aptos para o consumo que non se distribúan ou que formen parte dos stocks dos lanzamentos de novidades, dóanse a causa xustas”, explicou José Ramos, xerente da Planta Leyma de Leite Río.

O Grupo Leite Río – que comercializa as marcas Río e Leyma-, confirmou que doará este mes 1.440 litros de leite ao Banco de Alimentos da Coruña, como vén “facendo de maneira habitual e ininterrompida desde hai dous anos”.

Neste sentido, o grupo alimentario lucense “continúa e reforza a tradición familiar de colaborar con entidades sociais que traballan directamente para colectivos de persoas con especial vulnerabilidade”, explica a propia empresa nun comunicado, algo que “Leite Río vén facendo regularmente desde hai 20 anos”.

Igualmente, “de maneira extraordinaria”, lembra, o grupo implícase “noutras iniciativas solidarias que supoñen un incremento da súa doazón mensual, como a recente entrega ao Banco de Alimentos da cantidade equivalente, en leite, á cedida polos abonados do Leite Río Breogán dos abonos da pasada tempada, o que supuxo unha entrega de 90.000 litros de leite para familias desfavorecidas”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here