O xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, Ante a avalancha de críticas por concentrar os sábados pola mañá a asistencia médica e pediátrica de seis ambulatorios de Lugo no centro de Fingoi, esforzouse en deixar claro que isto “só ocorre o sábado pola mañá e nada máis”.
“O único que facemos é o sábado pola mañá no canto de ter abertos os centros de saúde están todos aí para atender as urxencias. Os sábados pola mañá que non se fai actividade ordinaria como calquera outro día, entón o número de persoas que van ir é limitado e mesmo menos dos que van pola tarde á PAC (de Fingoi)”, esgrimiu.
Ramón Ares incidiu en que se está “facendo o mesmo no mesmo edificio (Fingoi) no que a partir do tres da tarde está concentrada toda a actividade urxente e dos municipios da contorna de Lugo como o de Friol”.
“O que facemos é pola mañá contar cos mesmos equipos, a mesma xente (persoal) que traballa o sábado pola mañá con respecto á situación que tiñamos antes. Ao estar concentrados podemos repartir a actividade moito mellor. As esperas teñen que ser menos porque non hai xente para atender. Isto non é só en Lugo senón que na Coruña, Santiago, Ourense ou Vigo leva facendo desde hai moitos anos”, recalcou.
UNIDADE DE ICTUS
Sobre outra reivindicación para que se cre unha Unidade do Ictus no HULA, que funcione as 24 horas, o xerente da área sanitaria de Lugo despachou que xa se “conta” co devandito servizo. Así, Ramón Ares puxo o acento en que “desde o mes de febreiro temos unha garda con presenza física de neurociruxía cun neurólogo que é o que mantén toda a atención continuada con esta patoloxía e outras patoloxías desta área”.
“Este é un servizo integrado que facemos non só cos neurólogos do HULA senón que participa xente que traballa no hospital de Monforte e no hospital da costa (Burela). Temos cuberta a garda de neuroloxía todos os días as 24 horas, os 365 días do ano”, concluíu Ares.
SITUACIÓN EPIDEMIOLÓXICA EN LUGO
O xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, afirmou este luns que a pandemia “está máis controlada” na provincia. “Estamos mellor que estabamos nas últimas semanas“, afirmou.
“O número de casos positivos que temos baixou nos últimos días, son todos contactos de casos xa coñecidos“, celebrou o xerente da devandita área sanitaria. No entanto, admitiu que lle segue “preocupando” as dúas residencias intervidas pola Xunta, a do Inicio e a DomusVi de Outeiro de Rei”. Con todo a do Incio “está moito mellor“. “Non temos ningún paciente ingresado e os pacientes da propia residencia atópanse estables”, indicou.
Deste xeito, sinalou que a que lle “preocupa máis” é a Outeiro de Rei dado que “non pasou o tempo de desenvolvemento da propia infección”. “E temos pacientes ingresados e loxicamente é preocupante pola situación de fraxilidade dos propios residentes que son maiores e ten máis repercusión”, sinalou.