O Concello limita as visitas ao cemiterio municipal só ás tardes

Tamén se pide a quen acuda ao cemiterio que respecte as distancias de seguridade entre persoas para evitar contagios.

Cemiterio de San Froilán, en Lugo | cementeriosvivos.es

O Concello de Lugo decidiu limitar ás tardes as visitas ao cemiterio municipal e reservar as mañás para os enterros, co fin de controlar que non haxa máis de 25 persoas no recinto e cumprir coas indicacións da Xunta ante a situación epidemiolóxica da cidade.

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, indicou que non será necesario pedir cita para as visitas, pero si se controlará canta xente hai no recinto “para que non se produzan masificacións”.

Ademais, será necesario utilizar máscara e limparse as mans con xel hidroalcohólico para acceder ao recinto. Tamén se pide a quen acuda ao cemiterio que respecte as distancias de seguridade entre persoas para evitar contagios.