InicioSociedadeXuvenCiencia reinvéntase e lanza un Campus de Verán en Rede

XuvenCiencia reinvéntase e lanza un Campus de Verán en Rede

Alumnado de 4º ESO e BAC pode optar a cinco proxectos distintos para reflexionar sobre o medio, a sustentabilidade ou a consciencia da procedencia dos alimentos.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Campus de Verán XuvenCiencia 2020 será un campus en rede, pero en ningún caso virtual, xa que os proxectos propostos resultan “moi tanxibles” e requirirán traballo de campo. Ante a imposibilidade de celebrar de xeito presencial a que había ser a oitava edición do Campus de Verán XuvenCiencia no Campus de Lugo da USC, a organización vén de argallar unha proposta colaborativa e a distancia, dirixida a alumnado de 4º de ESO e BAC de Galicia e España e que se celebrará do 29 de xuño ao 3 de xullo.

As mozas e mozos participantes poderán sumarse a cinco proxectos especialmente pensados para este escenario de crise sociosanitaria global, no que se fai imprescindible a reflexión sobre o medio ambiente, a sustentabilidade dos recursos, a consciencia sobre a orixe dos alimentos e as aprendizaxes de xeracións pasadas.

CINCO PROXECTOS DISTINTOS

Deste xeito, o Campus de Verán XuvenCiencia en Rede desenvolverá cinco proxectos: ‘Plantifícate!’, que chama a descubrir a biodiversidade da contorna e a identificar as especies máis acaídas e adaptadas ao noso territorio, e ‘Leva a auga ao rego’, que aprenderá a delimitar unha conca fluvial e a que os rapaces/zas realicen medicións de caudal nunha corrente de auga próxima á súa casa.

Asemade, ‘Somos o que comemos?’ reflexionará sobre a orixe dos alimentos que poñemos á mesa, a pegada de carbono, o seu transporte e as ideas preconcibidas sobre o medio rural, mentres que ‘Ti e o tempo dará instrucións para construír un reloxo solar e descubrirá todo o que se pode medir con el e como o horario solar inflúe nas nosas vidas. O quinto dos proxectos, Como quen oe chover, abordará a fraseoloxía relacionada co clima e o tempo, analizará a súa pegada na cultura pop e viaxará na historia para comprobar que efectos tiveron na sociopolítica e nas artes. Cada un destes proxectos ofertará entre 30 e 40 prazas.

Como novidade para esta edición tan excepcional polas circunstancias, XuvenCiencia creará un Obradoiro de Medios no que iniciará a estudantes de secundaria no xornalismo científico. As xuvenreporteiras/os do Obradoiro e Medios terán como encarga elaborar informacións dos diferentes proxectos e entrevistarán os seus compañeiros, o profesorado responsable e os monitores/as. Estes contidos encherán o magacine XuvenCiencia e difundiranse a través das redes sociais. As prazas ofertadas para o Obradoiro de Medios son un máximo de 10.

O prazo para matricularse, a través dun formulario on-line, en cada un dos proxectos e no Obradoiro de Medios abrirase o vindeiro luns, día 8 de xuño. Toda a información sobre datas e condicións está publicada na web do Campus XuvenCiencia.

OUTRAS ACTIVIDADES

Neste Campus de Verán tampouco faltará a A.D.C. Lumieira, colaboradora habitual nos anteriores anos, que preparará para esta edición actividades adaptadas á situación de distancia, ás que a rapazada matriculada se poderá sumar voluntariamente nos seráns. As Xuventardes Lúdicas Lumieira propoñen xogos e tarefas individuais e/ou colectivas de tempo libre, deportivas, de exercicio físico, de lecer, na natureza…

ÚLTIMAS

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Feridas varias nenas ao ceder unha randeeira nun parque do Club Fluvial

Varias nenas resultaron feridas o pasado fin de semana na cidade de Lugo ao...

Identificado un veciño de Lugo por danar un bolardo e quitar outro porque dificultaba o xiro para entrar na súa propiedade

Axentes da Policía Local de Lugo levantaron acta por danos na vía pública e...