InicioSociedadeOs novos rostros que alongan as colas da pobreza

Os novos rostros que alongan as colas da pobreza

Os comedores sociais case duplican a súa demanda a raíz da pandemia da COVID-19, que evidenciou os índices de pobreza do país e os males da economía somerxida. Máis mocidade e máis mulleres aparecen agora nas cociñas económicas galegas.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Cando moitas persoas aínda estaban buscando un oco no mundo despois da crise do 2008, chegou unha pandemia que o paralizou todo dun día para outro. Estes meses de confinamento significaron un “cataclismo” na vida daquelas persoas que apenas puideron beneficiarse da recuperación económica dos últimos anos. Mulleres, mocidade e crianzas están sendo os grupos sociais máis afectados nesta crise da Covid-19, e tamén aquelas persoas con outros factores de exclusión: familias monoparentais (encabezadas por mulleres no 90% dos casos), mulleres vítimas de violencia de xénero, prostitución e trata, persoas migrantes e refuxiadas, con discapacidade, por etnia… Na loita contra a pobreza, “continuamente hai que estar pedaleando costa arriba; dous pasos cara adiante e tres cara atrás”.

Quen fala é Xosé Cuns, director da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia). “É brutal”, cualifica. “Moitas persoas que se atopaban en situación de pobreza severa melloraran un pouco con empregos precarios e economía informal, e agora co confinamento volveron para a casa e quedaron literalmente sen ningún ingreso”. Dende a asociación están moi pendentes de como se aplicará ese Ingreso Mínimo Vital que vén de ser aprobado este mesmo venres e que, como ferramenta estatal de loita contra a pobreza, pretende reducir nun 80% a pobreza extrema. Xosé Cuns lembra que moitos colectivos levan demandando esta medida dende hai xa unha década.

EN CIFRAS

Os últimos datos dispoñibles -do ano 2018  indican que máis de 622.000 persoas en Galicia se atopan en risco de pobreza ou exclusión social, cun aumento de case 10.000 persoas respecto do ano anterior. Segundo o indicador AROPE (At Risk of Poverty and/or Exclusion) inclúense neste grupo aquelas persoas que cumpren, polo menos, cun destes criterios: estar en risco de pobreza, ter unha carencia de material severa ou vivir nun fogar sen traballo ou con baixa intensidade no emprego. Este dato, recollido no último informe ‘Estado da Pobreza en Galicia 2019’, supón un 23% da poboación total galega. Tamén no 2018, o 4,8% dos galegos e galegas vivían en situación de pobreza severa, é dicir, cuns ingresos inferiores aos 370 euros mensuais.

Roldan as nove e media da mañá en Compostela. A Cociña Económica, situada nunha estreita rúa da zona vella, abre as súas portas e prepara un almorzo tras outro a través dunha mampara de metacrilato colocada no mostrador. “Hai quen quere o café máis clariño, outros máis cargado… Imos atendendo os gustos de cadaquén”, explica Sor Alicia. “Párteseche a alma cando os ves almorzando de pé, nos arredores da cociña, ou comendo dos tuppers en calquera lugar. Pensas: ‘Cando volveremos á normalidade para que esta xente poida comer con toda a dignidade do mundo?`”.

COLAS QUE DAN A VOLTA Á MAZÁ

A demanda deste servizo aumentou considerablemente nestes meses de pandemia. Sor Alicia calcula que un 40%. Se antes atendían entre 140 e 150 persoas diarias á hora do xantar, agora chegan ás 225. Hoxe levaban un tupper con patacas e polo abundante, outro con ensalada de pasta, dous bolos de pan, froita, un cartón de leite, auga e iogur. “A xente é moi agradecida, sempre teñen un ‘cóidense’ na boca”. Sor Alicia xa coñece moita dela, pero coa chegada da pandemia está vendo caras novas que nunca antes ou só en momentos moi puntuais foran usuarias deste servizo.

Na cociña económica da Coruña, con 134 anos de historia ás costas, as colas están sendo “diarias e constantes, e dan a volta á mazá”. Previamente á Covid atendían ao redor de 220 familias, que supoñían unha media de 1.000 persoas. Neste tempo reparten alimentos para unhas 500 unidades familiares. Pola porta da cociña pasan cada día unha media de 270 persoas que recollen a comida para levar, e por outro lado, fanse dous repartos de alimentos á semana para que as familias poidan cociñar nos seus fogares. Ao redor de 300 viñeron derivadas dos servizos sociais dos concellos. “A nosa intención é regresar á normalidade e poder dar un prato quente a todos, pero preocúpanos que nin loxisticamente temos a capacidade para duplicar o número de comidas”, explica o administrador, Óscar Castro.

Podes ler a reportaxe completa, da man de Uxía Iglesias, no Galicia Confidencial.

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...