InicioSociedadeUnha historia de amor entre Friol e Caldas para descubrir unha Galicia...

Unha historia de amor entre Friol e Caldas para descubrir unha Galicia de postal

A friolesa Fanny Pena e mais Hugo Sánchez son unha parella á que lle encanta viaxar, facer fotos de película e compartir as súas escapadas nas redes. Así naceu 'Engaliciamorate', un proxecto que promove o turismo rexional e que xa suma case 4.000 seguidores no Instagram.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Engaliciamorate naceu como unha mestura entre unha película de amor e un proxecto persoal e profesional”. Fanny Pena (Prado, Friol) fala así do proxecto fotográfico que creou canda Hugo Sánchez (Caldas de Reis) hai cousa de dez meses. “Os dous somos uns bulebules. Encántanos coller o coche e perdernos. As nosas primeiras citas foron así, con escapadas a distintos lugares”. Axiña se decataron de que esa era a súa paixón e quixeron compartila co mundo a través das redes sociais: fotografía e viaxes para namorar dunha Galicia de postal.

O seu obxectivo, di Fanny, é promocionar o turismo en Galicia en base á natureza, paisaxes, cultura e gastronomía. Se ben nun principio só compartían imaxes das súas viaxes, agora tratan de elaborar un contido “máis educativo, con información relevante para a comunidade que nos segue”. Son xa preto de 4.000 persoas no seu perfil de Instagram. “Gustaríanos profesionalizalo moito máis e, se fose posible, vivir disto”, soña a friolesa Fanny Pena.

“A ONDE IMOS HOXE?”

Estudou Publicidade e especializouse en Márketing Dixital, polo que Engaliciamorate é tamén para ela unha maneira de avanzar neste eido. É quen se ocupa da comunicación e xestión das redes sociais, mentres que a súa parella Hugo Sánchez se encarga da parte máis visual (fotografía, edición…). “Para min é perfecto, porque sempre aprendes moito máis cun proxecto propio”, di.

A friolesa Fanny Pena e mais Hugo Sánchez son as caras detrás de Engaliciamorate | ALX

Polo momento, compaxinan Engaliciamorate con cadanseu traballo e mesmo con estudos de posgrao. “Ás veces sacar tempo para viaxar é un pouco caótico”, confesa, “pero adoitamos aproveitar as fins de semana”. Gústalles improvisar. “A onde imos hoxe? Pois a tal sitio! Collemos o coche e imos por aí. Xa temos unha lista de destinos”. Outras veces, cando a escapada implica un desprazamento maior, procuran planificar as saídas para aproveitar o tempo ao máximo.

“SEMPRE RECOMENDO A TORRE DE SAN PAIO DE NARLA”

Nas súas redes —utilizan Instagram, Facebook e Peoople— hai un continuo intercambio de recomendacións sobre lugares para visitar. “Cando lle recomendo a alguén que vaia a Friol, sempre lle digo que se achegue a torre de San Paio de Narla”, exemplifica Fanny, cuxo lugar de nacemento dista apenas un par de quilómetros da fortaleza. “Na cidade de Lugo, o meu sitio favorito é a ponte da Chanca“.

En xeral, “Lugo é unha das provincias máis esquecidas en canto ao turismo. Hai moitísimas máis cousas que ver das que se promocionan”. E esa é unha batalla na que andan inmersos, di, e engade unha chea de recomendacións ás que se pode acceder no seu perfil de Peoople. “Gustaríanos darlle un empurrón ao turismo en Lugo”, sen esquecer que nas súas publicacións hai contido sobre toda Galicia.

De cara ao futuro, Fanny e Hugo andan argallando unha páxina web para faceren medrar o proxecto Engaliciamorate. Agora mesmo, debido á pandemia do coronavirus, “está todo parado”, pero se algo positivo sacan disto é que “todos sairemos con moitas máis ganas de explorar” e “darémoslle moito máis valor ao turismo de proximidade e rexional”. “Está ben viaxar a moitos países, pero ás veces acabamos por esquecer o que temos aquí, que é igual de espectacular ca o que temos fóra”, remata.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Enamórate de Galicia (@engaliciamorate) el

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...

A muller de Lugo que denunciou á súa ex parella declara que tentaba forzala “todas as noites”

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este xoves o xuízo contra un home de...