O Centro Integral de Saúde no barrio da Residencia estará listo no 2021

As obras reiniciáronse a semana pasada, coas correspondentes medidas de seguridade e prevención.

Obras de construción do futuro centro integral de saúde no barrio da Residencia de Lugo. XUNTA

A Xunta de Galicia mantén o obxectivo de pór en servizo no ano 2021 o primeiro centro de saúde integral de Galicia, unha infraestrutura que se situará no barrio da Residencia de Lugo e na que a Administración autonómica inviste 12 millóns de euros.

Así o destacou a Consellería de Infraestruturas nun comunicado, no que informa de que a titular do departamento, Ethel Vázquez, mantivo este mércores unha reunión telemática co equipo responsable das obras deste centro.

Na reunión, na que tamén participaron o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a Xunta constatou que os traballos reiniciados a semana pasada están a realizarse coas medidas de protección adecuadas para evitar contagios. En concreto, segundo precisou a Consellería, empréganse máscaras e luvas, mantéñense as distancias de seguridade e hai un reforzo de hixiene e limpeza do material.

Na cita, así mesmo, avaliouse o desenvolvemento das obras deste novo equipamento sanitario que aproveita o antigo espazo do hospital materno-infantil para conseguir un edificio con máis de 8.000 metros cadrados. Estas instalacións, distribuídas en seis pisos, albergarán o centro de saúde, o punto de atención continuada e o servizo de urxencias, así como unha área destinada á saúde mental e a base para o 061.

Ethel Vázquez precisou que na actualidade os traballos céntranse na derriba de tabiques e no baleiro do edificio coa retirada de cascallos e doutros materiais inservibles.