Un estudo do Campus Terra analiza os hábitos lúdicos das familias no confinamento

Silvia López-Gómez, especialista en videoxogos, coordina cunha compañeira da Universidade de Navarra un cuestionario que servirá para coñecer a que xogan os nenos e nenas durante este estado de alarma.

Xogo de mesa | ALX

A que xogan os nenos e nenas durante estas semanas estrañas? En que pasan o tempo durante esta corentena? Esas son as preguntas que tenta responder un estudo da Universidade de Santiago de Compostela, no que participa unha investigadora do Campus de Lugo, e que analizará os hábitos lúdicos das familias durante o estado de alarma a través dunha enquisa en liña.

A docente e investigadora Silvia López-Gómez, da Facultade de Formación do Profesorado en Lugo, deseñou e coordinou este cuestionario xunto a súa compañeira Apolinar Varela, da Facultade de Educación e Psicoloxía da Universidade de Navarra. López-Gómez é especialista en videoxogos, mentres que Varela desenvolveu a súa tese de doutoramento arredor do xogo tradicional. Unha e outra fan confluír o seu coñecemento para investigar os cambios producidos durante o confinamento nos costumes lúdicos dos menores de idade.

A acción proposta por estas dúas profesoras, que lanzaron a enquisa a través das redes sociais o pasado 8 de abril, busca tamén explorar a percepción das nais e dos pais sobre o xogo no fogar antes e durante o confinamento, a fin de mellorar así a súas perspectivas sobre o dereito ao xogo na infancia para futuras investigacións.

En apenas dúas semanas, o cuestionario xa foi cuberto por máis de 500 familias, a maioría de Galicia, aínda que tamén contan con respostas doutros puntos da xeografía española e mesmo un número representativo de familias de Arxentina ou México.

A enquisa permanecerá accesible na web ata o vindeiro 27 de abril, cando está previsto que os cativos poidan saír algo máis das casas. Pode participar calquera persoa, sempre e cando teña algún fillo ou filla menor de idade ao seu cargo durante este estado de alarma.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here