Portomarín premiará a boa actitude dos nenos cunha viaxe a un parque de atraccións tras a pandemia

"É dificil ter tanta inquietude e ganas de explorar o descoñecido cando se está confinado e sen poder saír duns metros cadrados", din dende o Concello. Por iso, tamén lles entregarán diplomas e un pequeno agasallo polo seu comportamento durante o estado de alarma.

Parque de atraccións Warner Bros, en Madrid | ALX

O Concello de Portomarín quere recoñecer a “boa actitude e bo comportamento” das nenas e nenos do municipio durante este estado de alarma, así que o goberno local decidiu que ían entregar un diploma e un pequeno agasallo para “facer máis doces” estes días. Ademais, o premio gordo virá tras da pandemia: unha viaxe a Disneyland Paris ou ao Warner Bros Park (Madrid).

“É dificil ter tanta inquietude e ganas de explorar o descoñecido cando se está confinado e sen poder saír duns metros cadrados. Por iso o noso recoñecemento e este detalle que puxemos en marcha para que nos perdoen o que fixemos mal os maiores desta vez“, explican dende o Concello.

Tal como fixo saber nun comunicado o alcalde de Portomarín, Juan Serrano, o Concello levará a un parque de atraccións a todas as crianzas de Educación Primaria empadroadas no municipio e que aproben o curso escolar 2019/2020. A viaxe realizaríase “tan pronto como o permitan as autoridades sanitarias”.

Pero, mentres tanto, e nese afán por “crear ilusión” entre a cativada, daráselles un diploma e un agasallo mercado no comercio local para compartir cos pais e os avós.

Diploma para os nenos de Portomarín pola súa boa actitude e comportamento durante o estado de alarma | ALX

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here