InicioSociedade"As transfusións de plasma son a grande esperanza. Poden axudar a sacar...

“As transfusións de plasma son a grande esperanza. Poden axudar a sacar os enfermos máis críticos da UCI”

A neurocientífica Sonia Villapol (Bretoña-A Pastoriza) traballa no laboratorio dun hospital de Houston pioneiro neste tratamento. Cos ollos postos nesta beira do Atlántico, Villapol confía en que "a curva está a piques de baixar", pero cre que a pandemia vai revolucionar o mundo enteiro en todas as súas vertentes. "Cando remate isto, as aldeas galegas volverán repoboarse", aposta. Mentres, insiste na importancia de extremar as precaucións e avoga polo uso da máscara en público.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Sonia Villapol (Bretoña – A Pastoriza, 1977) é neurocientífica e profesora no Instituto de Investigación Methodist en Houston (Texas) e na Universidade Weill Cornell (Nova Iork). Dende os Estados Unidos segue a evolución da pandemia do coronavirus en Galicia e coida que “a curva está a piques de baixar”, aínda que advirte sobre a necesidade de extremar a precaución. O hospital no que traballa foi pioneiro en implementar as transfusións de plasma procedentes de pacientes recuperados. Os estudos ao respecto, di, son “prometedores”. Cóntanolo nesta entrevista feita vía correo electrónico.


TRABALLO DE EQUIPO

LUGO XORNAL: A súa especialidade está ligada á neuroloxía, pero segue moi de preto todas as descubertas sobre o coronavirus e divulga esa información. Nota falta de conciencia sobre a dimensión do problema?

SONIA VILLAPOL: Non existen expertos no coronavirus, porque é unha enfermidade nova. Nin sequera os virólogos teñen moito que aportar. Todos os síntomas necesitan ser estudados e iso ten que facerse dende distintos campos científicos. Por exemplo, eu pasei moitos anos estudando no meu laboratorio os receptores ACE2, que son os que serven de anclaxe ao coronavirus para infectar as células. Estudamos tamén a relación da flora intestinal coa ansiedade e a inflamación, e xa se demostrou que os pacientes da COVID-19 tiñan problemas gastrointestinais. Así mesmo, sabemos que o coronavirus afecta de maneira máis grave ás persoas maiores, e no meu laboratorio estudamos o envellecemento e a demencia, así coma as diferenzas entre os homes e mulleres.

Proxectos relacionados co coronavirus van ser liñas importantes de investigación no meu laboratorio. Por outra parte, sempre me interesou a divulgación e neste caso percibín que existía unha necesidade e un reclamo da sociedade por información rigorosa a nivel científico sobre esta pandemia, xa que era moi escasa. Sentín a necesidade de que esta información tiña que chegar a Galicia ao mesmo tempo que nos chegaba aos científicos nos Estados Unidos.

TRATAMENTOS “PROMETEDORES”

LX: Insiste especialmente na oportunidade que supoñen as transfusións de plasma de pacientes recuperados. Agora estanse empezando a probar en Galicia. De que maneira podería axudar este método aos enfermos da COVID-19?

S: Si, son a grande esperanza porque os poucos estudos que nos chegan de pacientes de China que seguiron ese tratamento parecen ser moi prometedores. A administración dos anticorpos contra o coronavirus pode realmente axudar nas defensas inmunolóxicas nos doentes críticos da COVID-19. Ademais, é un tratamento moi barato que, combinado cos antivirais, demostrouse que pode axudar a sacar os enfermos máis críticos da UCI e reducir o tempo de hospitalización. O hospital no que teño o meu laboratorio en Houston, o Methodist Hospital, foi o primeiro nos Estados Unidos en levar este tratamento á práctica.

LX: Tamén incide nas consecuencias do coronavirus a nivel psicolóxico. Esta é unha situación moi propicia para a ansiedade. Como pode influír naquelas persoas que xa sufrían algún problema de saúde mental? Como nos podemos coidar?

S: Si, dende logo, o custo psicolóxico que a corentena e a pandemia do coronavirus está ocasionando non se está a avaliar coa importancia que merece. Barállase que os efectos da corentena poden chegar a levarnos a estados depresivos ou trastornos de estrés postraumático. As persoas máis vulnerables mentalmente a esta pandemia volven a ser os nosos maiores. Tamén os cativos, o persoal sanitario e as persoas que manteñen contacto co público, ou as persoas con problemas de saúde mental previos. A Organización Mundial da Saúde recoméndanos recibir información de calidade, estar en contacto coa xente nas redes sociais ou por teléfono pero limitando o tempo, escoitar música, moverse un pouco, e comer e durmir ben.

“CANDO A PANDEMIA REMATE, AS ALDEAS GALEGAS VAN VOLVER REPOBOARSE”

PENSAR EN BRETOÑA DENDE A DISTANCIA

LX: Segue moi de preto a actualidade española e, máis concretamente, na provincia de Lugo, onde naceu. Hai  motivos para confiar en que a situación mellorará pronto?

S: Si, dende logo. Na miña casa empezamos a corentena dez días antes que en España. Hai moitos motivos para confinar e aínda hai moitísimos máis motivos para extremar precaucións nas persoas que seguen a estar en contacto co público. Un estudo recente asegura que mesmo pequenas partículas virais poden liberarse mentres falamos e, como sabemos, tanto a xente con ou sen síntomas poden ser transmisores da enfermidade. Polo tanto, penso que non levar máscaras en público é un grande erro. Teño moita esperanza en que a curva está a piques de baixar.

LX: Supoño que estará moi pendente da súa familia, en Bretoña. Aumenta a preocupación coa distancia polo medio? Que desacougos lle transmiten eles? 

S: Os primeiros catorce días son críticos porque non sabes realmente se podes desenvolver a enfermidade, pero unha vez que non hai síntomas e todo está normal lévase mellor. No medio rural a poboación é máis envellecida e eles son os máis vulnerables á COVID-19, pero afortunadamente a transmisión do coronavirus non é tan alta alí, e  o impacto emocional da corentena tamén é baixo. Podería facer una aposta de que, cando esta pandemia remate, as aldeas galegas van volver repoboarse.

“penso que non levar máscaras en público é un grande erro”

O CASO DOS ESTADOS UNIDOS

LX: E en Estados Unidos, como se vive esta crise sanitaria? Actuouse a tempo á vista do que estaba ocorrendo noutros lugares do mundo?

S: Agora mesmo a sociedade está a reaccionar coma en Galicia hai tres semanas, pero coa diferenza de que aquí foi un dos países onde se realizaron menos test e o número de infectados é desorbitado. Non, tampouco aquí se actuou a tempo.

LX: Unha pandemia destas características será, quizais, un resorte para cuestionarse fondamente o sistema sanitario americano?

S: Non creo que esta sexa a única repercusión desta crise. Sen dúbida o mundo vai cambiar a partir de agora, a pobreza vai aumentar e os sistemas económicos van ser moi distintos, o mesmo que a sociedade. Deberiamos estar preparados.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...