Lactalis promete primas de ata 500 euros aos empregados para compensar a forte carga de traballo

A alta demanda de lácteos supuxo un forte aumento na produción e, como consecuencia, as fábricas de Vilalba e Nadela (Lugo) están "a máximo rendemento".

A planta de Lactalis Puleva en Nadela (Lugo) | Páxinas Galegas

EFE.- O grupo Lactalis, que conta con cadansúa planta en Nadela (Lugo) e Vilalba,  aumentou a súa produción en España debido á subida da demanda de leite e lácteos. Tal incremento supuxo unha maior carga de traballo, algo que levou aos seus responsables a aprobar unha prima “de ata 500 euros” para as 1.800 persoas empregadas nas súas fábricas.

Nun comunicado difundido este luns, a compañía destacou “o alto ritmo de produción” rexistrado nas últimas semanas nas súas oito fábricas españolas, que se atopan “a máximo rendemento con entre tres e catro quendas” cada unha.  A firma vinculou a maior demanda de leite e lácteos coas compras de aprovisionamento realizadas polos consumidores, no marco do estado de alarma decretado polo coronavirus.

Desde a empresa —cuxos produtos se comercializan baixo as marcas Puleva, El Ventero, La Lechera, Lauki, Flor de Esgueva, Président, Yogures Nestlé ou Damira— destacaron tamén o labor dos 2.300 gandeiros cos que colaboran.

SEGURIDADE

Os responsables de Lactalis resaltaron a adopción de “protocolos de seguridade” para minimizar o risco de contaxio en todos os elos da cadea, e sinalaron que están “en contacto” coas autoridades para achegar a súa “experiencia internacional e tomar as medidas que sexan necesarias para garantir a continuidade da actividade” e o abastecemento.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here