A Deputación pon a disposición da Xunta os cinco centros de maiores que ten sen abrir

As residencias de Castroverde, Pedrafita, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil poderían facilitar ata 200 camas para facer fronte á situación de emerxencia.

Residencial O Castro, en Castroverde | ALX

A Deputación Provincial de Lugo puxo a disposición da Xunta de Galicia as cinco residencias de anciáns que aínda non realizaron a súa apertura. Trátase dos centros de Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil.

Esta decisión foi tomada polo presidente do ente provincial, José Tomé, en consenso cos alcaldes dos municipios onde se localizan as residencias de maiores. Segundo explicou o mandatario, “todas estas residencias poden ser útiles para facer fronte á situación de emerxencia”.

Nestas residencias poden habilitarse máis de 100 camas de forma directa, e outras tantas, se fosen necesarias, nas zonas comúns das mesmas, polo que poderían facilitarse ata 200 camas.

O presidente provincial mostrou a súa vontade de colaboración coa Xunta en todo aquilo que o Goberno galego precise. “É o momento de colaborar e axudar en todo o posible e non buscar réditos políticos”, sostivo, polo que por parte da Deputación queren “mostrar a máxima lealdade institucional e colaboración co organismo autonómico”, afirmou Tomé.