O bispo de Lugo ofrece o Seminario Diocesano para acoller a persoal sanitario

Alfonso Carrasco trasladoulle á Consellería de Sanidade a disposición destas instalacións para persoal do Hospital Universitario Lucus Augusti.

Seminario Diocesano de Lugo | Páxinas Galegas

O bispo de Lugo, Alfonso Carrasco, mantivo este luns unha conversa telefónica co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, ao que ofreceu as instalacións do Seminario Diocesano para acoller a persoal sanitario que estea prestando o seu labor durante esta crise do coronavirus.

Para iso, o Bispado mantén a comunicación co Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) a través dos capeláns destinados no centro, e avanzou que se fará uso deste recurso en canto sexa necesario.

A residencia do Seminario Diocesano de Lugo é a única propiedade da diocese que cumpre coas condicións necesarias para dar servizo aos profesionais, explicou o Bispado. Así, as habitacións postas a disposición da Consellería de Sanidade e, polas súas indicacións, do Hospital Lucus Augusti, son todas aquelas non utilizadas durante o curso escolar polos seminaristas menores.

Ao mesmo tempo, o Bispado confirmou que a diocese non deixou de prestar o servizo diario no comedor social San Froilán. Igualmente, tanto Cáritas diocesana como todas as Cáritas parroquiais continúan co seu habitual traballo.