O confinamento vívese doutra maneira en Negueira de Muñiz

Neste concello, o menos poboado de Galicia, o illamento é cousa case que habitual: a farmacia máis próxima está a unha hora en coche e o médico só acode dúas veces por semana. En Negueira resiste un modo de vida alternativo e baseado na agricultura ecolóxica. Se ben as restricións do estado de alarma non alteran enormemente o día a día da veciñanza, si que se enfrontan a unha redución de vendas. Por que poden abrir os supermercados e non se permiten os mercados ao aire libre?, pregúntanse.

Negueira, no val do Navia, parte da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terra de Burón | Turismo de Galicia
Negueira, no val do Navia, parte da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terra de Burón | Turismo de Galicia

Ana Gónzalez (EFE) | Un bo día varias persoas decidiron instalarse en Negueira de Muñiz, un lugar que nos anos 60 asistiu ao nacemento dunha comuna hippy. O gran motor de vida é a agricultura ecolóxica, coa que combaten o éxodo rural. Hoxe fan o propio cunha enorme crise sanitaria.

Lonxe das aglomeracións, Luz Rossel traballa a diario no lugar de Ernes. Os seus tomates, pementos e leitugas non se ven minguados polas restricións do estado de alarma motivado pola pandemia do COVID-19. Aínda que si se enfronta a unha redución das vendas.

A súa aldea está entre os 26 núcleos que se achan esparexidos nos 72 quilómetros cadrados do termo municipal do concello menos poboado de Galicia, o de Negueira de Muñiz. O seu padrón é de 215 habitantes. Carece de supermercado e unicamente conta cun médico dúas veces por semana.

Nos anos cincuenta este municipio quedou dividido en dous coa construción do encoro de Salime sobre o leito do Río Navia. A falta de pontes propiciou que aqueles que moraban na beira illada optasen por emigrar. E foi ese abandono o que se converteu entón nun atractivo para moitos hippies, que, sen dúbida, organizáronse.

Esta é a historia dun paraíso que experimentou un tránsito de xentes procedentes de diferentes cidades españolas e europeas, e que continúan vivindo dun modo alternativo, aínda que xa gocen na actualidade de infraestruturas para moverse sen necesidade de barcas.

SUPERMERCADOS SI, FEIRAS AO AIRE LIBRE NON?

Nesa tesitura, apareceu hai 28 anos a belga Luz. “Marcheime buscando un pouco a natureza, do que vemos, e tamén a miña propia natureza”, conta a Efe a agricultora que criou aos seus dous fillos nesta gran paraxe montañosa que limita co Principado de Asturias.

Co obxectivo de fixar poboación na zona, creou xunto a Dora Cabaleiro a cooperativa Ribeira do Navia, a través da cal transforman as súas hortalizas e comercializan conservas e produtos ecolóxicos como mel, mostaza, marmeladas e mesmo ketchup caseiro.

Agora mesmo estamos a tope, facendo produción de todo. O tempo está a axudar para traballar e son produtos de primeira calidade”, explica Luz, que conta que as medidas tomadas polas autoridades para frear a expansión da pandemia impídenlles vender os seus alimentos en feiras, agora suspendidas.

Ao non entender que se poida adquirir comida en grandes superficies e non en mercados ao aire libre, redactaron un manifesto en defensa da economía dos “pequenos produtores”. No reparto de produtos a domicilio as súas cifras caeron en días nos que a xente organiza víveres dunha maneira diferente. E, sen cuestionar a imprescindible loita contra o patóxeno, Rossel apunta, no referente á cancelación de mercados, que “saúde é máis que tentar previr que nos contaxiemos; son máis cousas”.

“A cidadanía ten que poder acceder á alimentación á que accedía antes”, agrega a Efe a súa socia Dora Cabaleiro, que cre que se ve restrinxido este pequeno comercio ecolóxico e de proximidade.

O ILLAMENTO CONTINUO

Cabaleiro, chegada do concello pontevedrés de Redondela en 1999, dedica no presente menos tempo á cooperativa desde que pecharon as escolas, e é que vive cos seus catro fillos. “No día a día saio pola xanela e vexo o que vía nun día sen confinamento“, comenta esta cooperativista que asume que están afeitos a un certo illamento pois, por exemplo, a farmacia máis próxima, na Fonsagrada, atópase a unha hora en coche.

Así é que a corentena no rural pouco ten que ver coa daqueles que recibiron a noticia do decreto no seu piso de 70 metros cadrados, opina. Pequenos, adultos e anciáns de Negueira gozan de metros de leiras e xardíns nos que respirar aire puro.

“O mundo parouse”, prosegue a veciña de Ernes Ana Neira. Nada en Pontevedra e asentada neste enclave desde hai tres décadas, reivindica a súa outra metade, ligada ao sur de España. “A miña nai que é andaluza meteume a faísca no corpo”, chancea. E lamenta que as políticas para frear o avance do virus a pillasen desprevida e non poida ir vela á residencia na que vive: “Se o soubese, traeríaa para a casa”.

Ana Neira estuda un curso de Atención Sociosanitaria de Persoas Dependentes en Institucións e dedica ademais longas horas a coidar dos seus cultivos, entre os que sobresaen os seus “bonitos” amorodos, unha macela biolóxica e o coandro, “que din que é moi bo para eliminar os metais pesados do organismo”.

“Quedemos na casa, respiremos, sexamos felices e esteamos cos nosos fillos”, aconsella Ana, que ve, no positivo, unha boa oportunidade para pasar tempo en familia e “sentir o agarimo”.

ESPÍRITO DE COMUNIDADE

Ela é unha dos 22 habitantes que ten Ernes, cuxas ocupacións se reparten entre a apicultura, a artesanía, a carpintería e a venda de comida en festivais. O espírito de fraternidade existente entre estes moradores propiciou diversos proxectos comúns como a restauración dunha casa ruinosa para convertela en espazo de actividades económicas.

“É case coma se fósemos unha familia grande”, asegura a Efe a agricultora Usoa Areitio, natural de Éibar. Ela chegou hai seis anos a Negueira e alí vive coa súa parella e os seus dous fillos. Por este mesmo sentir de unión, comparten un tractor entre todos. “Compramos un conxuntamente, compartimos o gasto e compartimos o uso”, di Usoa, e engade: “Non tiña moito sentido ter máis dun”.  Tan natural é o comentario como o edén que cohabitan.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here