A Deputación de Lugo anuncia que porá os seus medios para colaborar coa Xunta

O presidente do organismo provincial, José Tomé, apuntou que o Goberno galego "é quen ten a obrigación e as competencias nestas tarefas de distribución de equipamentos".

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, ofrece declaracións aos medios antes do pleno de organización da corporación provincial. EUROPA PRESS - Arquivo

A Deputación de Lugo porá os seus medios ao servizo da Xunta de Galicia para combater o coronavirus, segundo declarou o presidente do ente provincial, José Tomé.

Así, súmase ás da Coruña, Pontevedra e Ourense, que xa se puxeron a disposición da Xunta para axudar na repartición das máscaras, traxes e luvas que a Administración autonómica distribuirá entre as administracións locais para evitar contagios entre os seus traballadores.

Este sábado, o número dous do Goberno galego, Alfonso Rueda, apelaba á colaboración das deputacións para colaborar na repartición e afirmaba que a de Ourense (a única goberanda polo PP, partido que rexe a Xunta) xa comunicara a súa disposición a facelo.

Horas máis tarde chegaba a resposta de Pontevedra e máis tarde, a da Coruña e Lugo, todas elas institucións presididas por mandatarios do Partido Socialista.

Segundo recolle un comunicado, o presidente lucense e alcalde de Monforte, José Tomé, apuntou que o Goberno galego “é quen ten a obrigación e as competencias nestas tarefas de distribución de equipamentos”.

Con todo, manifesta que a Deputación de Lugo porá os seus medios a servizo da Xunta para conseguir que a repartición de material “se faga dunha maneira equitativa e máis áxil e eficaz”.

“Polo que sabemos, só algúns concellos recibiron material e en cantidade escasa, insuficiente para cubrir as súas necesidades. Con esta axuda, o que queremos é que o teñan todos porque na deputación cremos que todos os municipios son igual de importantes”, resaltou José Tomé.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here