InicioSociedade« Todos din 'eu limpo!, eu frego!', pero as nais sempre son...

« Todos din ‘eu limpo!, eu frego!’, pero as nais sempre son as que pensan que facer de comer »

María Luisa Castro Rodríguez é a nova Xefa da Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno en Lugo, unha tarefa que afronta con ilusión. Nestas primeiras semanas no cargo, insiste na importancia de denunciar, "requisito indispensable para acceder ás axudas e recursos", así como na necesidade de seguir apostando pola educación en igualdade.

PUBLICADA O

- Advertisement -

María Luisa Castro Rodríguez é a nova Xefa da Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno en Lugo. Leva apenas dúas semanas neste novo cargo, pero xa é consciente de todo o traballo que queda por diante. “Sensibilizar e educar é o principal”, insiste. Nos días previos ao 8 de marzo, Día da Muller, pide unha maior implicación de todos os partidos políticos para facer efectivas as medidas de protección á muller.

LUGO XORNAL: Como afronta esta nova etapa profesional? Marcouse algún reto?

MARÍA LUISA CASTRO: Con moita ilusión. Xa levo moitos anos traballando na Subdelegación, pero este proxecto en concreto é moi ilusionante pola importancia de seguir traballando para mellorar as condicións das mulleres que sofren a lacra da violencia de xénero. O reto é apostar pola sensibilización.

LX: De que se ocupa realmente unha Unidade contra a Violencia de Xénero?

M: A función principal é a de coordinar os recursos e os servizos da Administración do Estado, a autonómica e as locais. Facemos un seguimento das vítimas que están dentro do sistema integral de violencia de xénero, cooperamos coas forzas de seguridade, etc. Cando hai vítimas, facemos un balance dos recursos que se empregaron: eran todos os que tiñan que terse empregado?, que erros se cometeron? Tamén colaboramos coas charlas que dan a Garda Civil e a Policía nos centros escolares.

LX: En que aspectos cómpre insistir nesas charlas coa mocidade? 

M: Fálaselles, sobre todo, de condutas que os adolescentes teñen tan normalizadas que nin sequera consideran que sexan violencia. Revisar o móbil doutra persoa é acoso, por exemplo. Que non permitan insultos, que o comuniquen… Explícanselles tamén os pasos que poden dar ante situacións deste tipo.

“a denuncia é indispensable para acceder ás axudas e recursos para as vítimas”

LX: E cales son? En que instrumentos ou ferramentas se pode apoiar unha vítima de violencia de xénero?

M: O primeiro que ten que facer a muller é denunciar, tanto se hai agresión física como se só é psicolóxica. Iso non está aínda moi asumido. Entendo que non é fácil chegar á Comisaría e expoñer a túa vida, pero é moi importante. A denuncia é requisito indispensable para pasar a formar parte do sistema integral de atención a vítimas de violencia de xénero e acceder así a axudas e recursos. Tamén se pode alertar no 016 (que é un número gratuíto) ou nos Servizos Sociais, pero sempre debe existir unha denuncia na Comisaría.

Despois hai un protocolo a seguir. Os corpos e forzas de seguridade valoran o caso e, en base a iso, destinaranse unha serie de recursos: atención psicolóxica, vivendas sociais, dispositivos de alerta, sistemas de seguimento ao agresor, programas de reinserción laboral…

O CASO DO RURAL

LX: Estes recursos, porén, parecen tocar de esguello o medio rural. 

M: As mulleres do medio rural son as máis reacias de todas á hora de denunciar. Damos chegado a moi poucos casos nestas zonas. Teñen unha cultura moi arraigada de que a muller é a que debe estar na casa e aturar o marido. Aínda que fosen agredidas fisicamente, en moitos casos négano. Din que caeron ou calquera outra cousa.

LX: Daquela, será necesario traballar dunha maneira máis próxima a elas, adaptarse ás particularidades sociais e territoriais. Por exemplo, hai áreas rurais da provincia sen ningún Centro de Información á Muller (CIM), como é o caso da Montaña. Iso implica unha maior desprotección para as mulleres do rural?

LX: Si, de 67 concellos só hai CIM en 11. Nos outros hai Servizos Sociais, pero hai que seguir ampliando. Nós trataremos de impulsalos, pero iso é algo que depende das administracións locais. É verdade que as mulleres do rural teñen que facer un esforzo por desprazarse, iso é inevitable.  Pero os recursos son os mesmos para todas.

“Sensibilizar e educar é o principal”

POR UNHA IMPLICACIÓN EFECTIVA

LX: Unha das cuestións máis repetidas ao falar desta problemática na provincia de Lugo é a reclamación dun Xulgado especializado en violencia de xénero. Comparte esta demanda? 

M: Si que o vexo necesario. Toda especialización é boa, pero todo se andará.

LX: De cara a este 8-M, cales son as principais reivindicacións que vostede poñería sobre a mesa?

M: Unha maior implicación de todos os partidos políticos para que todos remen a favor da muller. Que se leve a cabo o Plan de Acción do Consello de Ministros para a Axenda 2030, no que aparece a igualdade como un dos obxectivos principais. E, sobre todo, insisto na necesidade de apostar firmemente pola educación dos nenos e nenas, pero tamén das persoas maiores. Sensibilizar e educar é o principal.

LX: O foco das reivindicacións deste 2020 son os traballos de coidados, rol que desempeñan as mulleres moi maioritariamente.  

M: Eu entendo que cada vez os homes participan máis nas tarefas da casa e os nenos teñen máis concienciación pero, á hora da verdade, quen leva o peso é a muller. Se ti preguntas por aí, todos din ‘eu frego, eu limpo!’, pero as nais sempre son as que pensan que facer de comer. Xa non digo facer a comida!, senón simplemente o feito de decidir que se vai comer. É un rol que sempre recae nas mamás. De portas cara fóra, parece que evolucionamos, pero dentro das casas aínda queda moito por facer.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...