InicioSociedadeUnha nova escapada lucense: a Malta por 30 euros

Unha nova escapada lucense: a Malta por 30 euros

Esta fin de semana experimentamos a nova conexión que Ryanair ofrece dende A Lavacolla dende o pasado mes de outubro. Un destino ideal para desconectar da rutina con voos económicos e moitas alternativas para os viaxeiros no arquipélago maltés.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Todo xurdiu a semana pasada buscando ideas para desfrutar dunha fin de semana libre que deixei no meu calendario a propósito para cargar pilas (como guía, traballo bastante habitualmente os sábados e domingos). Inicialmente pensamos en ir a León ou Asturias, pero de reollo botamos unha ollada curiosa na páxina de Ryanair e atopamos… voos a Malta por 30 € ida e volta! A oportunidade parecía imperdible. Máis barato que ir a Vigo ida e volta en autobús dende Lugo…

Máis curioso aínda que os voos fosen tan baratos habendo tan pouca antelación… mercámolos o mércores e xa voamos o sábado (regresando hoxe martes).

Unha fortuna: ter vivindo en Malta a dous bos amigos de Lugo que nos acompañaron e nos deron moi bos consellos… Tratarei de transmitilos neste artigo sumados á experiencia propia.

ALGÚNS DATOS CURIOSOS SOBRE MALTA

Se son sincero, antes da viaxe non sabía moito sobre Malta. Non sabía que tiñan un idioma propio, o maltés, que é unha lingua semítica derivada do árabe pero cunha gran influencia do latín (sobre todo de Sicilia e Italia en xeral).

Si que sabía, aínda que non conseguía imaxinalo de todo, que Malta é un país dunha absoluta mestura entre Italia, Túnez e Inglaterra (por simplificalo un pouco). A paisaxe e o aspecto da xente teñen moito do segundo, condúcese pola esquerda como no terceiro, e cómese moito como no primeiro. Pero que ricos os pastizzi!

QUE VISITAR EN MALTA

Podo falar só da experiencia propia, pero podo dicir que foi un itinerario moi completo e moi agradable. O percorrido foi o seguinte:

O primeiro día o noso amigo Luis levounos en coche ás praias do norte da illa de Malta, fermosas, especialmente Golden Bay. Inesquecible solpor nunha das poucas praias de area do noroeste maltés.

Solpor en Golden Bay (Guido Álvarez Parga)
Solpor en Golden Bay (Guido Álvarez Parga)

En realidade, antes da visita á praia, xa visitamos o Popeye Village. Unha agrupación de casas de madeira construídas a finais dos anos 70 para a rodaxe da producción musical “Popeye” en 1980, protagonizada por Robin Williams.

Popeye Village (Guido Álvarez Parga)
Popeye Village (Guido Álvarez Parga)

O segundo día, domingo, combinamos unha mañá de bos paseos por Sliema (onde durmimos dúas noites por 66 € en habitación dobre con almorzo, e unha terceira na casa do noso amigo) cunha tarde adicada enteiramente a La Valetta, capital e principal centro histórico do país.

Sliema, que significa “a paz, a comodidade”, era antigamente unha pequena vila de pescadores. Hoxe reconverteuse a gran centro turístico, de compras, restaurantes, hoteis, pubs e cafeterías. É un bo lugar para aloxarse, especialmente para viaxes de amigos ou familia.

Sliema (Guido Álvarez Parga)
Sliema (Guido Álvarez Parga)

La Valetta é a capital do estado maltés, e nela está o centro histórico con máis renome do país. É Patrimonio Mundial dende 1980 (polo tanto un dos sitios do mundo cun recoñecemento máis antigo por parte do organismo internacional) e conta con moitos edificios que datan do século XVI e posteriores.

Miradoiro en La Valetta (Guido Álvarez Parga)
Miradoiro en La Valetta (Guido Álvarez Parga)

UNHA VOLTA POLAS ILLAS VECIÑAS

O terceiro día dedicámolo a visitar outras illas do arquipélago e para iso optamos por contratar unha das excursións clásicas que se ofrecen ao longo de todo o porto de Sliema. Por 30 € (o mesmo que pagamos polo voo de ida e volta dende Santiago, pero mereceu a pena) viaxamos en ferry con calma ao longo da costa, paramos en varias localidades recollendo pasaxeiros, e chegamos ao noso primeiro punto de parada: a illa de Gozo, a segunda máis grande despois de Malta.

Vistas da Xewkija Rotunda dende a Cittadella de Gozo (Guido Álvarez Parga)
Vistas da Xewkija Rotunda dende a Cittadella de Gozo (Guido Álvarez Parga)

Gozo é unha illa cunha historia antiquísima. Din os datos que foi habitada dende o ano 5.000 a.C., cando se deixaron algunhas estruturas en Ggantija. Os templos megalíticos de Gozo están tamén recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade dende o ano 1980… A preciosa Cittadella de Victoria, que visitamos en autobús (incluído na excursión) está na lista indicativa dende o ano 1998.

A Cittadella de Victoria en Gozo (Guido Álvarez Parga)
A Cittadella de Victoria en Gozo (Guido Álvarez Parga)

Comino foi o peche de ouro da excursión e tamén da nosa viaxe. Esta illa con nome de especie (a súa abundancia na zona é o motivo do topónimo) é un verdadeiro paraíso no que destaca especialmente a Blue Lagoon (Bejn il-Kmiemen), onde nos demos o noso primeiro baño marino deste 2020. As súas augas cristalinas convérteno nun dos lugares máis fermosos de todo o país.

Blue Lagoon, Bejn il-Kmiemen, en Comino (Guido Álvarez Parga)
Blue Lagoon, Bejn il-Kmiemen, en Comino (Guido Álvarez Parga)

ALGÚNS CONSELLOS PARA ESTA VIAXE

  • Nós tivemos a sorte de ter amigos que nos levaron en coche. De non ser así, din que vale a pena alugar un (parece ser que son económicos e permiten desfrutar con calma de todas as paraxes). Se non, hai unha enorme cantidade de liñas de transporte público que percorren toda a illa… e tamén excursións do tipo da que fixemos no terceiro e último día da nosa viaxe.
  • A degustación dos pastizzi pode “aforrarvos” polo menos un xantar. Estas deliciosas pastas recheas de queixo, verduras, e máis variedades, custan 40 ou 50 céntimos… e comendo 2 ou 3 basta de sobra para tirar ata a noite.
  • Non perder a oportunidade de visitar Gozo e Comino. Aínda que esteades desfrutando moito da visita á illa de Malta… paga realmente a pena! Especialmente se queredes un baño nesas augas cristalinas que se ven nas fotos promocionais do país.
  • Aproveitade e viaxade canto antes! Non vaia ser que pechen esta liña 😊

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...

A muller de Lugo que denunciou á súa ex parella declara que tentaba forzala “todas as noites”

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este xoves o xuízo contra un home de...