A cúpula socialista reivindica na Feira do Butelo da Fonsagrada a importancia dos servizos públicos

Caballero denuncia a política de "recortes" de Feijóo arroupado polos presidentes das deputacións de Lugo e Pontevedra.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e José Tomé acompaña ao secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero / EP.

O secretario xeral do PSdeG e candidato á Xunta, Gonzalo Caballero, fixo un chamamento este domingo á Galicia que “defende o Estado do benestar” fronte ás políticas de “recortes” que representa o Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo.

Así o manifestou Caballero durante a súa visita á XXIII Feira do Butelo da Fonsagrada (Lugo), na que estivo arroupado polas cúpulas socialistas de Lugo e Pontevedra. E é que neste concello tamén estaban o alcalde do municipio, Carlos López; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; a súa homóloga en Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e outros cargos socialistas na provincia.

Coa vista posta nas eleccións autonómicas do 5 de abril, o líder do PSdeG-PSOE insistiu en que Galicia “necesita un novo tempo político”, porque os galegos “non poden seguir sendo reféns dos recortes” do actual Goberno.

Así, parodiando un dos lemas de precampaña do PP (‘Galicia é moito’), Caballero dixo que “Galicia é moito, pero Galicia vai a menos con Feijóo”. “Déixanos unha sanidade peor, déixanos unha educación pública peor, déixanos menos atención aos nosos maiores“, enumerou o candidato socialista.

O PSDEG, UNHA “GARANTÍA”

Por iso, apostou por que a carreira cara ao 5 de abril sirva para “decidir o futuro” da Comunidade, para o que “o Partido Socialista é a garantía da defensa do Estado do benestar”.

Non en balde, xusto unha semana despois da multitudinaria manifestación en defensa da sanidade pública en Santiago, Gonzalo Caballero apelou á “Galicia real, unha Galicia que quere cambio, unha Galicia distinta á Galicia que quere publicitar e promocionar Feijóo subido ao coche oficial”.

Ademais do ámbito sanitario, o candidato do PSdeG-PSOE puxo o foco nos desequilibrios territoriais e cargou contra o “ralentí” no que o PP “meteu ao mundo rural”. Por iso, Caballero adquiriu o “compromiso de impulsar o conxunto do país” para que “corra á mesma velocidade”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here