Piden vinte anos de cárcere para un monterrosino acusado de matar a golpes ao seu pai enfermo

Os feitos ocorreron no 2018, cando o acusado lle propinou varias patadas e puñadas ao seu proxenitor, de 79 anos. A Fiscalía tamén solicita a prohibición de que o sospeitoso se achegue ao seu fillo menor durante 21 anos.

Xulgados | Arquivo

A Audiencia Provincial de Lugo acollerá a próxima semana o xuízo contra un veciño de Monterroso acusado de matar a golpes ao seu pai, de 79 anos, que se atopaba enfermo e tiña mobilidade reducida. Fiscalía pide para el 20 anos de cárcere por un delito de homicidio agravado.

Segundo recolle o escrito do Ministerio Público, os feitos ocorreron na noite do 18 ao 19 de marzo de 2018, na vivenda de Monterroso que o acusado compartía co seu pai e co seu fillo, de catro anos, que se atopaba durmindo.

Nalgún momento indeterminado entre as 21:00 e as 1:15 horas da madrugada, o acusado, “movido polo ánimo de acabar coa vida do seu pai” e “aproveitando que este era unha persoa de sinalada debilidade”, propinoulle múltiples patadas e puñadas por todo o corpo, especialmente na cabeza, o peito e as costas. Mesmo chegou a golpealo cun berce metálico.

Como consecuencia, provocoulle numerosas feridas e laceracións, entre as que destaca un traumatismo cranioencefálico que desencadeou unha “importante hemorraxia subdural” e que “constituíu a causa inmediata da súa morte“.

ACUSACIÓN

O suposto autor dos feitos atopábase en “estado de embriaguez”, pero a acusación non considera que iso afectase “ás súas facultades intelectivas e volitivas”. Por iso, Fiscalía considera o sospeitoso como autor dun delito de homicidio agravado, xa que a vítima era unha “persoa especialmente vulnerable” pola súa idadee polas distintas enfermidades que padecía.

Así pois,  pide para el 20 anos de prisión e a prohibición de achegarse ou comunicarse co seu fillo durante un prazo de 21 anos. Ademais, reclama unha indemnización de 30.000 euros para o menor en concepto de danos morais.