A Xunta admite agora que a situación dos CIM no rural de Lugo é “mellorable”

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abellas, recoñeceu carencias na cobertura de Centros de Información á Muller en concellos rurais. Na comarca da Montaña, por exemplo, non existe ningún destes puntos.

Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade | Arquivo - Xunta

EFE.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, recoñeceu que a situación actual da cobertura de Centros de Información á Muller (CIM) na zona rural é “mellorable”. Admitiu que hai carencias, “sen dúbida”, pero comprometeuse a traballar para reducilas.

En declaracións aos medios de comunicación, Susana López Abella dixo que a Xunta, canda a Delegación do Goberno, está a traballar con “algúns concellos para ver se se animan a crear un centro de información á muller”. Así o dixo antes de participar nunha reunión con representantes de varios concellos, aos que pretendía trasladarlles a orde de axudas en materia de igualdade e prevención da violencia machista.

NA MONTAÑA NON HAI NINGÚN CIM

Malia esa colaboración, López Abella insistiu en que “si é certo que é necesario implantar novos centros de información”. Os Centros de Información á Muller (CIM) son un servizo cofinanciado polos Concellos e a Xunta co obxectivo de ofrecer apoio ás mulleres en situación de vulnerabilidade. Porén, existen áreas da provincia que non contan con ningún destes puntos. É o caso da Montaña de Lugo.

AS LIÑAS DE AXUDA

López Abella tamén aproveitou para criticar os criterios da repartición de fondos aos municipios “que fixo directamente o Estado a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP)”. “Concretamente na provincia de Lugo, hai municipios que non teñen Policía Local e non están adscritos ao programa VioGen”, de modo que apenas reciben recursos.

Por iso, “a Xunta decidiu poñer ao dispor destes municipios 800.000 euros para facer programas de sensibilización da violencia machista en todos os ámbitos”, explicou a secretaria xeral. O único requisito sería presentar un programa de actividades ao respecto, segundo sostivo. “O límite é de 8.000 euros. Isto contrasta co que sucede con algún municipio da provincia de Lugo, que recibe do Estado 300 euros. Efectivamente, con esa cantidade non se pode facer absolutamente nada”, lamentou.

En canto á liña de axudas habilitada pola Xunta de Galicia en materia de Igualdade, lembrou que “este ano ten un incremento do 20%, de modo que sae cun orzamento de 6,4 millóns de euros”. Ese diñeiro destínase ao mantemento dos Centros de Información á Muller e a outros tres programas específicos de conciliación e corresponsabilidade dentro da parella, prevención e sensibilización contra a violencia machista.

A carencia de CIM na Montaña de Lugo evidencia a “desprotección das mulleres do rural”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here