InicioSociedadeO PP alíase con Lugo Non Perdas o Tren para esixir melloras...

O PP alíase con Lugo Non Perdas o Tren para esixir melloras no servizo ferroviario

Piden explicacións sobre o peche da venda presencial de billetes en Sarria, Burela e Viveiro, entre outros. "A sociedade lucense está cansa", asegurou Elena Candia. Coidan que é o momento de esixir mellores conexións con León e Ourense, ademais de procurar poñer fin aos continuos incidentes no FEVE da Mariña.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Unha “fronte común” para demandar melloras nos servizos ferroviarios da nosa provincia. Esa é a proposta do PP lugués, logo de manter unha xuntanza coa Plataforma Lugo Non Perdas o Tren. A presidenta do PP provincial, Elena Candia, di que esta alianza co colectivo servirá para amosar o seu “rexeitamento”, por exemplo, ao peche da venda presencial de billetes nas estacións de Burela, Sarria e Viveiro.

Na reunión, que tivo lugar esta mañá do 3 de xaneiro, participaron os populares —entre eles, o senador José Manuel Barreiro— e varios representantes da Plataforma, integrada na Federación Provincial de Asociación de Veciños e presidida por Jesús Vázquez. Uns e outros acordaron colaborar no desenvolvemento de iniciativas para conseguir que Lugo teña uns servizos ferroviarios que se adapten ás súas necesidades.

“O AVE NON ESTÁ NIN SE LLE ESPERA”

Así pois, coincidiron na importancia de reclamar uns “prazos asumibles e cribles” para a chegada da alta velocidade a Lugo. “O AVE non está nin se lle espera”, afirmou Elena Candia, que criticou que o Goberno central “non ofreza datas pechadas ou aproximadas” sobre a posta en marcha deste servizo na nosa comunidade.

Porén, máis alá da problemática do AVE, os populares aseguraron que “a sociedade lucense está cansa de non dispoñer de servizos ferroviarios” que suplan as súas necesidades. Mencionan, por exemplo, as incidencias coas que “tropezan” os servizos convencionais, como retrasos ou avarías por culpa do “estado das infraestruturas e dos medios mecánicos”.

Reunión do PP con membros da Plataforma Lugo Non Perdas o Tren.

PECHE VENDA PRESENCIAL DE BILLETES

Xa de maneira máis concreta, Candia lamentou que “a liña de Feve na Mariña sofre numerosos problemas que obrigan a transportar aos pasaxeiros por estrada”. E exemplificou: “Incluso o pasado verán un tren que pasaba por Burela non chegou a abrir as súas portas porque ía demasiada chea a única unidade que circulaba deixando aos usuarios sen servizo”. A iso habería que sumarlle agora a perda de prestacións que supón o fin da venda presencial de billetes en lugares como Sarria, Burela e Viveiro. A presidenta do PP comprometeuse a esixir medidas e explicacións ao Executivo estatal ante esta situación.

Na listaxe de reivindicacións do PP e de Lugo Non Perdas o Tren, tamén se atopa o desexo de frear o cambio do material rodante na liña do tren hotel de Barcelona. Aseguran que iso “empeorará este servizo nocturno”. Así mesmo, piden melloras na conexión ferroviaria con León e Ourense, ademais da electrificación da liña Lugo-Monforte-Ourense para permitir unha maior velocidade dos trens.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...