InicioSociedadeUn repaso ao 2019 a través das noticias máis lidas no Lugo...

Un repaso ao 2019 a través das noticias máis lidas no Lugo Xornal

Conflitos laborais no Carrefour de Lugo, o labor da comisión de festas de Castroverde, leas en campionatos de caza ou unha entrevista a Benedicta Sánchez. Estas son algunhas das pezas que forman parte do ránking de noticias máis lidas no Lugo Xornal durante o pasado ano.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Co ano 2020 aínda comezando a espelirse, dá tempo a botar a vista atrás para facer un repaso do 2019 que rematamos. Facémolo a través das pezas máis lidas no Lugo Xornal durante o pasado ano. Velaí vai:

9. O propietario dun suposto puticlub absolto de prostitución porque el só lles cobraba ás mulleres “polo almorzo, a comida e a cea”

Na novena posición, atópase unha noticia que abre o debate sobre a impunidade nos casos de prostitución. Desta volta, os feitos estaban ligados a un club de Guntín onde, presuntamente, obrigaban a mulleres estranxeiras a exercer a prostitución en condicións precarias. A xustiza non observou “garantía no testemuño” dunha das denunciantes.

8. “Cando che gusta onde vives e queres facer cousas pola túa vila, paga a pena ser da comisión de festas”

Se cadra o poderoso sentimento de pertenza a un lugar é o culpable de que tal peza apareza na oitava posición deste ránking. Castroverde é o eixe sobre o que xira o texto, no que debullamos o traballo que se agocha tras as festas patronais dunha vila coma esta.

7. Desarticulado en Becerreá un punto de venda móbil de droga a menores

O sétimo posto é para unha nova que facía referencia a uns feitos acontecidos en abril do 2019, cando un veciño de Samos foi detido no concello becerrego por traficar con droga polo miúdo.

Benedicta Sánchez | Silvia López

6. Benedicta Sánchez: a vida de película desta muller do Corgo antes de ser unha estrela en Cannes

Benedicta Sánchez é unha das personaxes do ano. E é do Corgo! Esta muller de 84 anos supuxo unha revolución da que tamén se fixo eco o Lugo Xornal. O seu papel no filme ‘O que arde’ (Oliver Laxe, 2019) valeulle un nomeamento aos Goya na categoría de actriz revelación. Conquistou o corazón dos galegos cando bailou unha muiñeira na alfombra vermella de Cannes, pero o certo é que paga a pena escoitala falar da súa vida antes de se converter nunha estrela que presenta as badaladas ou que acapara flashes. Nesta entrevista, agasállanos con relatos da infancia e da mocidade.

5. Carrefour terá que indemnizar unha empregada de Lugo á que impediu conciliar

A precariedade e o incumprimento dos dereitos laborais tamén foron, desafortunadamente, unha constante durante o 2019. Aos traballadores de Lugo non lles foron alleas estas problemáticas.

4. Historias de prostitución e migración: dende as galegas explotadas en Cuba ata o caso Carioca

Unha das últimas reportaxes do 2019 cóase na cuarta posición deste ránking de pezas máis lidas. O texto artéllase arredor de ‘Hijas de Galicia’, unha entidade nacida na Cuba de hai un século para protexer as mulleres galegas que migraban alí e eran explotadas sexualmente. As similitudes coa actualidade son tan evidentes como indignantes. Bo exemplo diso é o Caso Carioca, aquí en Lugo.

O TOP 3

3. Renuncia o alcalde de Baralla unha semana despois de tomar posesión do cargo

No top 3 das noticias máis lidas atópase a renuncia de Manuel González Capón como rexedor do concello de Baralla. Facíao por motivos de saúde, tres días antes de falecer.

Cartel electoral humorístico de Kang e Kodos.

2. A Policía tramita denuncia por delito electoral aos impulsores dunha iniciativa cómica-humorística

Uns carteis humorísticos que presentaban dous extraterrestres como candidatos electorais desataron unha polémica inesperada cando a Policía denunciou os veciños que os colgaran. Este “atentado contra as liberdades” causou moito interese entre as lectoras e lectores do Lugo Xornal.

1. [Vídeo] Un cazador dispara contra activistas en Castro

E na primeira posición deste ránking de noticias máis lidas, atopamos unha peza sobre o altercado producido durante un campionato de caza de raposo en Castro de Rei. Nel, un cazador disparou a un grupo de activistas contrarias á celebración do torneo. O suceso incendiou as redes.

OS XORNAIS DE LUGO MEDRAN: MÁIS DE 700.000 LECTORES NO 2019

O Lugo Xornal vai medrando e consolídase coma un medio de referencia para Lugo e a súa contorna. Canda el, tamén o fan os seus compañeiros Xornal de Lemos e Xornal da Mariña. Proba diso son as cifras que manexan en canto a usuarios e visitas. Os tres medios, no seu conxunto, rexistraron un total de 729.481 lectores no pasado 2018, mentres que o número de visitas ás páxinas ascendeu ata o 1.695.360. Dende o equipo dos Xornais de Lugo, amosamos a nosa gratitude e o compromiso de seguir traballando para ofrecer información de calidade e interese para as luguesas e lugueses.

ÚLTIMAS

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Identificado un veciño de Lugo por danar un bolardo e quitar outro porque dificultaba o xiro para entrar na súa propiedade

Axentes da Policía Local de Lugo levantaron acta por danos na vía pública e...

Arden varios colectores de madrugada na cidade de Lugo

Varios colectores arderon na madrugada deste mércores na Estrada da Granxa, na cidade de...

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....