InicioSociedadeDenuncian que na Pastoriza “só quedan dous médicos" para atender aos 3.000...

Denuncian que na Pastoriza “só quedan dous médicos” para atender aos 3.000 pacientes do concello

O Sergas négao, aínda que confirma que non se substituíu ao médico que está de baixa.

PUBLICADA O

Representantes de cinco asociacións de veciños do municipio lucense da Pastoriza remitíronlle unha carta ao xerente da área sanitaria de Lugo para denunciar as “deficiencias” que veñen “producindo desde a xubilación dun dos tres facultativos” do Centro de Saúde local, dado que os pacientes teñen que esperar ata unha semana para ser atendidos polo médico de cabeceira.
As asociacións que agrupan aos veciños das parroquias de Úbeda, Lagoa, Álvare, Reigosa e Rigueira explican que “a praza do terceiro médico, que viña cubrindo ata o de agora de forma temporal, non se cubrirá durante o mes de decembro, segundo a información facilitada no propio Centro de Saúde á hora de pedir cita”. Esa situación provocou que algúns pacientes teñan que esperar ata unha semana para ser atendidos polo médico de cabeceira. “Só quedan dous médicos para atender aos 3.000 pacientes que hai no municipio, de modo que se producen esperas de ata unha semana para poder ser atendidos polos facultativos”, denuncian, dado que “citas pedidas este martes foron fixadas para martes da próxima semana”.
RESPOSTA DO SERGAS
Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) nega que haxa demoras dunha semana para acudir ao médico de cabeceira no centro de saúde da Pastoriza. Así, sinala que “consultadas as axendas de citación dos profesionais da Pastoriza”, non é certo que “haxa demoras dunha semana”, porque hai “ocos libres para estes días”.
A día de hoxe, “non é certo que haxa unha semana de espera” para acudir á consulta do médico de cabeceira, tal e como denunciaron estas asociacións de veciños. Así mesmo, o Sergas lembra que o centro de saúde da Pastoriza conta con tres prazas de médico, e aínda que un deles xubilouse o verán pasado, a súa praza foi cuberta sempre cun facultativo substituto.
Con todo, confirman que desde hai uns días, o médico substituto está de baixa, o que “fai difícil cubrir esa nova ausencia”, pola “falta de profesionais na listas de contratación”, engade. En todo caso, o Sergas aclara que “cubriu esa baixa sempre que foi posible mediante a contratación doutro especialista”. Así mesmo, asegura que tampouco houbo ningún tipo de modificación no servizo de Pediatría, que comparten os centros de saúde da Pastoriza e Meira.

ÚLTIMAS

Nova oficina do SEPE en Lugo, pola que pasarán 27.000 veciños ao ano

A antiga Escola de Enfermaría de Lugo acolle a nova oficina do SEPE na...

Conmemoran a batalla do Porto de Bois e reivindican “Altri non”

Coincidindo coa xornada de conmemoración da batalla de Porto de Bois, xuntouse un grupo...

Lugo rexistra un terremoto de magnitude 3.6 que se fixo notar

Un terremoto de magnitude 3,7 na escala de Richter con epicentro en Sarria foi...

Un policía local de Lugo fóra de servizo practica un RCP e sálvalle a vida

Un policía local de Lugo que se atopaba fóra de servizo practicou unha manobra de...