O avogado de Orozco: “Pilar de Lara tería que abandonar xa o Xulgado”

Gregorio Arroyo considera que a continuidade da maxistrada podería provocar unha "cadea de nulidades".

A xuíza Pilar de Lara | EFE
A xuíza Pilar de Lara | EFE

O avogado que se ocupa da defensa do ex alcalde de Lugo, José López Orozco, asegurou que o feito de que a xuíza Pilar de Lara siga á fronte do Xulgado de Instrución Número 1 da capital lucense, despois da sanción imposta polo Consello Xeral do Poder Xudicial podería desembocar nunha “cadea de nulidades”.

O letrado Gregorio Arroyo informou a EFE que o feito de que a xuíza Pilar de Lara, instrutora de causas como a Pokemon ou o caso Garañón, siga á fronte do Xulgado, “contravén” incluso a “Lei Orgánica do Poder Xudicial”.

Arroyo asegura que esta situación é “rarísima”, porque a sanción é “firme” desde o momento no que se “esgota a vía administrativa e se lle notifica”, con independencia de que recorra ao Tribunal Supremo.

Tería que abandonar xa o Xulgado. Non sei se pode haber incluso un delito de desobediencia” por parte da maxistrada, engadiu.

Ao seu xuízo, a lei é “clara” e “a sanción é executiva cando se esgota a vía administrativa”, polo que ao permanecer á fronte do Xulgado, e seguir ditando resolucións, “pode dar lugar a unha cadea de nulidades”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here