O axente lucense ferido en Barcelona recibe o agradecemento pola “súa profesionalidade” e o seu labor

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, durante o encontro con este axente, natural de Cervo e destinado actualmente na Coruña, desexoulle unha "pronta recuperación" das lesións que sufriu nun brazo.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, co policía ferido.. SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, mantivo un encontro este mércores co policía lucense Ángel Hernández, que resultou ferido durante os disturbios rexistrados o mes pasado en Barcelona, ao que agradeceu o seu labor e “a súa profesionalidade”.

Durante o encontro con este axente, natural de Cervo e destinado actualmente na Coruña, a subdelegada desexoulle unha “pronta recuperación” das lesións que sufriu nun brazo, polas que tivo que ser intervido cirurxicamente.

A maiores, Isabel Rodríguez mantivo unha entrevista con dirixentes do sindicato Unión Federal de Policía (UFP), ao que pertence o policía ferido, na que destacou que todos os lucenses están “moi agradecidos aos axentes que se encargaron de devolver a normalidade ás rúas e garantir a convivencia pacífica dos cidadáns en Cataluña“.

De feito, lembrou o “importante papel que reserva a Constitución ás forzas e corpos de seguridade”, que “son o instrumento do que dispón unha sociedade democrática para garantir a liberdade e a seguridade dos cidadáns”.