InicioSociedadeO home acusado de asasinar a tiros á súa muller en Becerreá...

O home acusado de asasinar a tiros á súa muller en Becerreá e ferir a un dos fillos enfróntase a 28 anos de prisión

A presidenta da asociación Velaluz, Gloria Vázquez, di que buscarán coa súa presenza "visibilizar" a reclamación sobre "medidas reais tanto de protección das mulleres" como "cara aos orfos".

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Audiencia Provincial de Lugo celebrará a próxima semana, entre os días 16 e 18, o xuízo contra o home acusado de asasinar a tiros á súa muller en Becerreá (Lugo), un crime que se remonta a 2016 e polo que Fiscalía pide para o procesado 28 anos de cárcere por asasinato con aleivosía, malos tratos e ameazas.

Segundo consta no escrito do Ministerio Público, recollido por Europa Press, o acusado e a súa vítima iniciaron unha relación sentimental a finais do ano 2014 e contraeron matrimonio en maio de 2015, a partir do cal conviviron xunto aos fillos menores da muller no municipio lucense de Becerreá.

O 20 de xaneiro de 2016, tal e como relata Fiscalía, o acusado requiriu á súa muller para que se dirixise ao fondo da leira na que vivían e, cando esta chegou alí, “con ánimo de atemorizala e infundirlle medo, apuntoulle cunha escopeta” e díxolle: “Vou deixarche seca, vou deixarche seca”.

Xa o 8 de febreiro, a vítima e os seus dous fillos abandonaron o domicilio debido ás “constantes desavinzas conxugais” co acusado e uns días despois, o 11, a vítima volveu ao domicilio conxugal cos seus fillos e coa súa sogra –a nai do acusado– para falar con el “sobre os problemas polos que atravesaba a parella e a forma de afrontalos“.

Cando chegaron á vivenda, o home atopábase no interior dunha das habitacións co ferrollo posto, negándose a saír a pesar das peticións do resto de persoas. Neste contexto, a súa esposa díxolle: “Xa está, isto non ten arranxo, así que pídoche o divorcio, están de testemuñas a túa nai e os meus fillos”.

Acto seguido, segundo as conclusións previas da Fiscalía, a muller baixou as escaleiras, momento no que o seu presunto asasino saíu da habitación de forma “sorpresiva” cunha escopeta cargada. Así, sen “previo aviso” e vendo que a súa muller estaba “desprevida” de costas, disparoulle, o que provocou o seu inmediato falecemento.

FERIU A UN DOS MENORES

O escrito de acusación deixa constancia, ademais, que a agresión se produciu en presenza dos fillos menores da muller, que tiñan naquel momento 16 e 17 anos.

De feito, o disparo que matou á súa muller feriu nunha man e unha perna a un dos menores, que se atopaba próximo á súa nai e que, indica o fiscal, o home “non dubidou” en facer a pesar de saber que podía alcanzarlos.

Ademais destas lesións nun dos mozos, o escrito destaca que ambos, ao presenciar os feitos, sufriron un trastorno por tensión postraumática que requiriu de intervención profesional durante seis meses.

ASASINATO CON ALEIVOSÍA

Por todo iso, o Ministerio Público solicita para o acusado 25 anos de prisión por un delito de asasinato con aleivosía, dúas por delitos de ameazas á súa muller, así como outro ano por malos tratos. De igual modo, non poderá achegarse a menos dun quilómetro nin manter comunicación algunha cos fillos, a nai e a irmá da falecida durante máis de 40 anos.

Ademais, no ámbito da responsabilidade civil, o acusado deberá indemnizar, en concepto de dano moral, con 81.000 euros aos dous fillos da muller, con 41.000 euros á nai, e con 16.000 á irmá. Así mesmo, deberá desembolsar 20.000 euros para cada un dos fillos por dano psicolóxico, así como 5.000 euros para un deles polas secuelas do disparo.

ASOCIACIÓN VELALUZ

En relación a este caso, a presidenta da asociación Velaluz, Gloria Vázquez, confirmou que ela e algunhas compañeiras asistirán a próxima semana ao xuízo para “apoiar a toda a familia” e especialmente á irmá da vítima, que asumiu a custodia dos fillos entón menores tras o crime.

Do mesmo xeito, explicou, buscarán coa súa presenza “visibilizar” a reclamación sobre “medidas reais tanto de protección das mulleres” como “cara aos orfos” por mor da violencia de xénero, para quen piden que o apoio psicolóxico “sexa ilimitado”.

ÚLTIMAS

A UNED de Lugo finaliza o curso cun aumento do 13% na súa matrícula

O Centro Asociado da UNED en Lugo acolleu este xoves a reunión ordinaria da...

Creado un punto de atención en Portomarín para dar asistencia básica e curas aos peregrinos

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou a colaboración entre o seu departamento...

Condenan a 8 anos ao home que matou ao seu pai cun disparo na cabeza

C.V.V., un veciño de 49 anos, aceptou este mércores declararse culpable do asasinato con...