InicioSociedadeLugo inicia unha guerra contra os "gorrillas": "algúns cobran un salario superior...

Lugo inicia unha guerra contra os “gorrillas”: “algúns cobran un salario superior ao mínimo interprofesional”

O concello revisará se eses "gorrillas" perciben algún tipo de prestación social por parte da administración local.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron no transcurso dun dispositivo especial de vixilancia, desenvolvido durante a primeira semana do mes de setembro, a un total sete “gorrillas” que habitualmente exercen de forma ilegal como aparcacoches na contorna do HULA, ademais de constatar que “cada un deles acada con esta actividade un soldo superior ao Salario Mínimo Interprofesional”.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada polo inspector xefe da Policía Local, Jesús Piñeiro, compareceu este martes en rolda de prensa para informar sobre este operativo de vixilancia e sobre as medidas que ten previsto adoptar o Concello de Lugo para tratar de erradicar esta práctica, que “molesta” a diario aos usuarios do hospital.

Jesús Piñeiro precisou que o operativo despregado pola Policía Local durante a primeira semana de setembro, con coches patrulla e vehículos camuflados, permitiu identificar a ese sete persoas que converteron a súa actividade como gorrillas “nun traballo fixo, habitual e permanente”, co que se sacan “máis de cincuenta euros diarios”.

De feito, aclarou que, por denuncias e queixas dos propios usuarios, a Policía Local ten constancia de que algún deles empezou a utilizar un chaleco reflector para facerse ver e que mesmo chegou a pedirlle cinco euros a algún condutor por indicarlle un lugar onde estacionar o seu vehículo na vía pública, nas inmediacións do hospital.

Grazas a ese operativo especial de vixilancia, a Policía Local levantou dez actas de infracción por parte dos mencionados gorrillas, tanto da lexislación relativa a seguridade viaria, como da ordenanza de circulación, dado que foron sorprendidos mentres exercían a súa actividade no centro da calzada, co que provocaban situacións de “perigo” e “molestaban” aos condutores.

SABER SE PRECIBEN A RISGA

Para tratar de pór freo a esta actividade, que cada mes provoca máis de 15 chamadas ao teléfono de emerxencias da Policía Local de Lugo por parte de condutores molestos, o Concello de Lugo tomou a decisión de dar un paso máis, de modo que revisará se eses “gorrillas” perciben algún tipo de prestación social por parte da administración local.

Ademais, instará á Xunta a revisar a súa situación e se están a percibir “a Renda de Integración Social de Galicia”, a Risga. Trátase, dixo Lara Méndez, de “determinar se procede extinguir tales prestacións”.

A rexedora local precisou que é un dos poucos elementos de presión que pode exercer a Administración sobre estes individuos para persuadilos de que cesen unha actividade que lles resulta moi lucrativa. “Ao ser persoas en risco de exclusión social, porque tecnicamente non teñen ingresos, non se lles pode aplicar ningún tipo de sanción“, aclarou.

En todo caso, asegurou que o Concello, a través da Policía Local de Lugo seguirá perseguindo esta actividade ilegal na contorna do hospital, ademais de pedirlle á Xunta de Galicia que revise as tarifas do parking público do HULA, para facer que a súa permanencia nese lugar xa non sexa tan rendible para os gorrillas.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...