O Concello non formalizará a recepción do auditorio mentres non se confirme que cumpre co proxecto

O subministro eléctrico, o último trámite preciso, é responsabilidade do goberno local, pero non poderán facerse cargo diso ata que se realicen as inspeccións previas, din.

Representantes do equipo de goberno en rolda de prensa.

O Concello de Lugo non formalizará a recepción do novo auditorio ata que non se faga “a correspondente auditoría técnica que confirme que a obra cumpre coas condicións prescritas no proxecto”.

Así o anunciou hoxe o tenente de alcalde, o nacionalista Rubén Arroxo.  “Dada a magnitude da instalación, os informes deberán ser realizados por varios servizos técnicos do concello e, no caso de existir algunha dotación con especificidades técnicas, incluso se poderían encargar informes externos a empresas especializadas”, indicou. Ademais, engadiu que “este trámite, que se realiza na recepción de calquera tipo de obra por parte do Concello, cínguese á legalidade vixente”.

Segundo o tenente de alcalde, “antes da recepción da obra, técnicos municipais ou empresas externas realizarán unha minuciosa inspección para cursar os correspondentes informes, e sen este paso previo a obra non poderá ser recepcionada”.

En relación á conexión eléctrica, o convenio asinado entre Xunta e Concello establece con claridade que a contratación do subministro eléctrico, de gas e de auga, corresponde ao concello como titular unha vez se proceda á recepción do inmoble. 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here