Convocan a mesa do transporte público de Lugo para a vindeira semana

O BNG quere converter Lugo nun "referente en materia de mobilidade" e C's propón crear unha liña circular de bus urbano pola Rolda da Muralla.

O BNG aposta por unha "transformación importante" na mobilidade urbana de Lugo.

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, anunciou a convocatoria da mesa do transporte público para o vindeiro martes 30. Nela, os grupos de goberno e oposición poderán trasladar as súas propostas para mellorar este servizo.

“Cando estabamos na oposición propuxemos a convocatoria desta mesa en varias ocasións”, lembrou o nacionalista Rubén Arroxo, que destaca que tardaron “só” dúas semanas en poder materializar esa demanda. A cuestión da mobilidade era un dos puntos fortes no programa electoral do BNG, que pretendía unha “transformación importante” nos servizos existentes.

Apostan pola sostibilidade e pola redución do tráfico, así como por mellorar o servizo de autobuses para converter a cidade nun “referente en materia de mobilidade”. “Agora que estamos no goberno queremos levalo a cabo”, asegurou Arroxo

PROPOSTAS DE C’S

Precisamente, o grupo municipal de Ciudadanos xa lle urxira a semana pasada ao Concello a convocatoria de dita mesa. Argüían que Arroxo fora moi insistente con este asunto durante a súa etapa na oposición, así que vían necesario poñerse a traballar de inmediato sobre ese tema.

Así mesmo, xa avanzaron a súa principal proposta: crear unha liña circular de bus eléctrico pola Rolda da Muralla. Ademais diso,  apostan por un sistema radial de microbuses ás parroquias dos arredores.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here