Confirman os 25 anos de condena para o presunto asasino de Tatiana Vázquez

O Tribunal Supremo desestimou o recurso presentado pola defensa do home. O corpo da vítima aparecera en San Fiz no ano 2016.

O acusado do crime de Tatiana Vázquez foi condenado a 25 anos de cárcere | Europa Press
O acusado do crime de Tatiana Vázquez foi condenado a 25 anos de cárcere | Europa Press

O Tribunal Supremo (TS) desestimou o recurso presentado pola defensa de Ibrahima Ndiaye,  condenado a 25 anos de cárcere por asasinar a súa moza, Tatiana Vázquez Abuín. Os feitos polos que está acusado remóntanse a abril do 2016, en Lugo.

Así o sinala o fallo do TS, recollido por Europa Press, que confirma a sentenza ratificada pola Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o 18 de outubro de 2018. Para o Supremo “o relato fáctico plasma que o acusado mantivo unha relación sentimental con Tatiana Vázquez entre o ano 2009 e abril de 2016” e “durante todo este período de tempo estableceu un plano de desigualdade e alcanzou unha situación de dominio sobre a súa parella”. Cita, por exemplo, insultos, menosprezos ou situacións de illamento social e familiar.

Ademais, engade que “este comportamento non só se desenvolveu no ámbito privado, incluíndo o propio domicilio de convivencia, senón que se exerceu sen rubor na vía pública e a presenza de terceiros”.

SENTENZA AUDIENCIA

A Audiencia Provincial de Lugo, no fallo ditado o 5 de xuño de 2018 pola Sección Segunda que agora confirma o TS, tamén lle impuxo, ademais dos 25 anos de prisión, de acordo co veredicto do tribunal do xurado, outros dous anos de privación de liberdade por cometer un delito de violencia habitual no ámbito familiar.

Este home, de orixe senegalesa, foi acusado do crime da moza Tatiana Vázquez, cuxo corpo apareceu con máis de 50 puñaladas no seu coche no barrio lucense de San Fiz. O xurado popular considerou probado que o acusado mantivo durante toda a relación unha actitude despectiva cara á vítima, que tiña 24 anos.