O PP local teme que o bipartito traslade a súa “bicefalia” á Policía Local

Ramón Carballo cre que separar a unidade de mobilidade e deixala en mans do BNG provocaría "descoordinacións"

Efectivos da Policía Local / CLM24

O grupo municipal do PP manifestouse hoxe acerca da cuestión da Policía Local en Lugo. Acusan á alcaldesa, Lara Méndez, de ter “desmantelado” o corpo nestes anos e agora “permitir que a bicefalia do goberno local” se estenda á Policía.

O voceiro dos populares, Ramón Carballo, visitou esta mañá as instalacións da Policía Local. Sinalou que “non comprende” que se pretenda permitir a separación da unidade de mobilidade con respecto do corpo. Isto viría a facilitar, dixo, que os seus socios de goberno dirixan estoutra área, “o que pode dar lugar a descoordinacións”.

“Semella que a Lara Méndez non lle chegou con facer desaparecer o Gabinete de Tráfico”, lamentou Carballo. Coida que esta unidade é unha figura “fundamental”, igual ca o eran outras xa extintas como a Patrulla Verde, segundo apuntou.

Para o PP esta situación é “consecuencia directa” da perda de efectivos no corpo, algo que “permitiu” Lara Méndez “sen facer nada para solucionalo”. Carballo reclamou unha maior cobertura de prazas vacantes e un investimento nos medios dos axentes. “Precisan unha renovación inmediata dos vehículos e dos medios”, concluíu tras a súa visita.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here