A Xunta estende o apoio ás casas-niño de Lugo máis alá da experiencia piloto

José Manuel Balseiro visitou o centro das Nogais e lembrou que esta iniciativa pretende fixar poboación no rural e facilitar a conciliación da vida laboral e familiar

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante unha visita á casa-niño das Nogais | Arquivo

A Consellería de Política Social continuará financiando a actividade das casas-niño da provincia. Desta maneira, prolongarán o seu apoio máis alá da experiencia piloto que remata este 2019, logo de tres anos de proba.

Así o indicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante unha visita á casa-niño das Nogais. Este centro foi un dos que se puxo en marcha en Lugo ao abeiro da primeira convocatoria de axudas no 2016. Actualmente, están activas 16 casas-niño na provincia: nas Nogais, Folgoso do Courel, Láncara, Begonte, Xermade, O Corgo, Portomarín, Riotorto, Ourol, Paradela, A Pobra do Brollón, Castroverde (2), Triacastela, Rábade e O Páramo.

Estes centros, impulsados en concellos de menos de 5.000 habitantes, son de acceso gratuíto para as familias. Procuran facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, ademais de dinamizar a economía local e fixar poboación no rural. Como característica fundamental, apostan pola atención personalizada, cun horario flexible e un máximo de cinco nenos e nenas de entre 0 e 3 anos.

Na súa visita, Balseiro lembrou que a Consellería de Política Social financia o servizo integramente. Faino a través dunhas axudas de 15.000 euros que concede aos titulares para acondicionar as instalacións. A maiores, ofrece unha prima de 19.600 euros por ano para os gastos de mantemento.

A casa-niño das Nogais foi habilitada nun local da casa reitoral, espazo cedido polo Bispado de Lugo e posteriormente reformado. O delegado sinalou que estas instalacións son “unha proba do bo resultado que está a ter esta iniciativa” e reiterou que o obxectivo da Xunta é seguir estendendo o servizo a outros puntos do rural. Neste sentido, Balseiro adiantou que se publicará unha nova convocatoria de axudas proximamente.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here