Investigado un home por un incendio forestal causado por unha queima en Muras

Un bombeiro en tarefas de extinción durante a vaga de incendios de outubro de 2017 | Miguel Núñez
Un bombeiro en tarefas de extinción durante a vaga de incendios de outubro de 2017 / © Miguel Núñez

Axentes da Policía Autonómica, en colaboración con axentes forestais, esclareceron, tras identificar un home como presunto autor, un incendio forestal rexistrado no municipio de Muras, supostamente debido a unha queima sen medidas de seguridade.

Segundo informou a Vicepresidencia da Xunta, os policías integrantes do Grupo de Investigación de Incendios da sede provincial de Lugo, xunto con axentes forestais do Distrito X-Terra Chá, tomaron declaración ao investigado por un incendio forestal ocorrido o 2 de xuño na parroquia de Silán, que afectou a unha hectárea de superficie.

O lume orixinouse, concretaron as mesmas fontes da Xunta, “cando o investigado realizaba unha queima de restos forestais sen cumprir as medidas de seguridade”.

As dilixencias realizadas en relación con este incendio forestal foron remitidas ao xulgado de Instrución de garda da localidade luguesa de Vilalba.

Na campaña actual contra os incendios forestais de 2019, destaca Vicepresidencia, un total de 49 persoas foron investigadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais.