Lugo, entre as cidades máis sucias segundo unha enquisa

Vista da cidade de Lugo | Turismo de Galicia

Vigo é a cidade que obtén a mellor valoración da limpeza por parte dos seus cidadáns, con 76 puntos. Mentres, A Coruña (42) e Lugo (40) sitúanse entre as máis sucias, segundo un estudo realizado pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) sobre os servizos municipais de 60 municipios.

Do informe despréndese que a limpeza viaria nas principais cidades españolas empeorou. A valoración media que dan os usuarios descendeu de 55 a 53 puntos, sobre 100.

Oviedo é unha vez máis a cidade que obtén a mellor valoración da limpeza por parte dos seus cidadáns con 79 puntos. Séguenlle Bilbao (77), Vigo (76) e Logroño (74). Pola contra, as cidades de Conca (36) Alcalá de Henares (36) Alacante (34) e Xaén (31) son as que peores resultados obteñen. A metade das cidades do estudo obteñen unha valoración por enriba de 50, o resto suspende, incluída Lugo.

OCU realiza cada 4 anos un estudo sobre a limpeza nas cidades. Para a súa realización OCU ten en conta, por unha banda, os datos proporcionados polos diferentes concellos (16 deles non facilitaron ningunha información) e doutra unha enquisa á que responderon 5.260 veciños na que dan a súa valoración sobre diferentes aspectos relacionados coa limpeza da súa cidade.

No estudo tivéronse en conta diversos parámetros como son o tipo de xestión, o orzamento por habitante, os recursos empregados a partir da información facilitada polos responsables municipais e contrástase coa satisfacción que os veciños teñen coa xestión da limpeza na súa cidade e con aspectos concretos, como a situación da limpeza en rúas e beirarrúas, o estado de parques e xardíns, os excrementos animais, a contorna dos colectores, a contaminación, e a limpeza nos barrios da periferia.

Se se comparan os resultados cos obtidos en 2015, 39 das 60 cidades do estudo obtiveron unha valoración máis baixa. De media, a satisfacción baixou de 55 a 53. A evolución foi dispar, 18 cidades melloraron a puntuación obtida hai 4 anos. Así, Castelló obtivo unha mellora de 8 puntos e sobre todo Huesca, que aumentou en 12 puntos a satisfacción dos seus veciños.

No lado oposto sitúanse Ávila e A Coruña, con 16 puntos, e sobre todo Guadalaxara cunha caída de 17 puntos. Respecto das grandes cidades, Barcelona (51) aproba pola mínima, aínda que perdeu 8 puntos respecto de 2015. Madrid (39) obtén un suspenso, aínda que mellorou levemente en comparación co último estudo.

A situación xeográfica e o clima poden axudar á limpeza das cidades. Así, as cidades situadas no noroeste teñen un índice de satisfacción superior, pero non o garante. Hai sonoras excepcións como é o caso da Coruña e Lugo. O maior número de papeleiras ou os diferentes medios empregados (humanos, mecánicos) non ten unha correlación directa coa satisfacción dos seus veciños. Tampouco o orzamento empregado, que vai desde os 32 euros por habitante de Xixón (68) aos 106 euros de Barcelona (51).

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here