O PSdeG solicitou á Xunta que faga públicas as medidas adoptadas para controlar o brote de covid-19 rexistrado na residencia de maiores do Incio.
Así figura nunha batería de iniciativas parlamentarias rexistrada na Cámara galega nas que os socialistas reclaman información sobre as decisións decretadas, a nivel de prevención e de reforzo de persoal, para facer fronte á primeira onda da pandemia nos centros de toda Galicia.
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, solicitou ao Goberno galego o informe das inspeccións realizadas nas residencias “incluíndo as medidas de corrección tomadas naqueles casos” nos que os informes “así o determinasen”.
Neste sentido, cre “urxente” saber “que tipo de recursos e medidas tiñan no Incio antes de iniciarse os contaxios, e saber cales foron os motivos dun contaxio masivo de tal magnitude”.
Deste xeito, Ortega pide á Xunta que informe se o centro dispuña da totalidade do persoal antes de iniciarse o brote ou se se foi incrementando o persoal para reforzar a súa contención.
“Nunha das situacións máis complexas que estamos a vivir en Galicia por causa da pandemia é vital incrementar as medidas encamiñadas á contención do virus, especialmente en espazos vulnerables, como é o caso das residencias de maiores”, incidiu a deputada.