O Lugo e o Dépor continúan abonados ao 0-0 dos últimos derbis en Riazor

Albivermellos e branquiazuis repártense a medias os puntos, que non lle dan a tranquilidade completa nin a uns nin aos outros.

O derbi entre o Depor e o Lugo saldouse cun 0-0 | RCDeportivo

EFE.- O Deportivo e o Lugo bloqueáronse (0-0) no duelo de galegos na trixésima xornada de LaLiga SmartBank e repartíronse os puntos para seguir metidos en problemas na categoría de prata. O marcador de Riazor afíxose a ese resultado nos partidos entre coruñeses e lucenses, xa que os tres que se xogaron nese escenario na categoría de prata tiveron idéntico final.

O punto permite ao Deportivo, que foi máis voluntarioso pero quedou moi curto en ataque, seguir fóra das posicións de descenso. O Lugo, cómodo no céspede grazas á súa formulación táctica, mantense enganchado á batalla por saír do decimonoveno posto.

O LUGO SAÍU CON FORZA

Cun gran mosaico branquiazul na bancada, salvo no córner da afección do Lugo, Riazor recibiu os dous galegos de LaLiga SmartBank. Foron os visitantes os que monopolizaron o balón os dous primeiros minutos antes de deixar claro que non estaban dispostos a permitir o avance dos locais con tres faltas en catro minutos.

Nun partido xogado, por momentos, ao erro do rival, Aketxe tivo a primeira opción para os deportivistas aos doce minutos nunha falta que executou centrada, pero con veleno, e que desviou de puños Ander Canteiro, que non quería complicarse a vida. Os branquiazuis insistiron cun lanzamento de Bergantiños, desde fóra da área, tras unha xogada ensaiada desde o córner e outro intento de Aketxe, que disparou moi frouxo desde a frontal.

O Lugo, con Cristian Herrera no extremo dereito pola baixa de Gerard Valentín, superou eses momentos de inquietude e tamén tivo a súa opción cun remate de Rahmani ao lateral da rede no ecuador do primeiro acto, xusto antes de que a Çolak lle anularan un gol por fóra de xogo despois dunha asistencia de Aketxe desde a banda dereita.

O centrocampista vasco do Deportivo seguiu sendo a máxima ameaza do equipo coruñés ata o descanso, pero sobráronlle centímetros nun novo disparo desde a media lúa da área e atopouse con Ander Canteiro.

NIN PARA UNS, NIN PARA OS OUTROS

Os locais fixéronse co control do balón na segunda parte e incrementaron o ritmo de xogo, aínda que iso non lles serviu para producir o suficiente en ataque. O Lugo, que empezou ese período perdendo tempo en saeues de porta, non obrigou a intervir a Dani Giménez ata que Cristian Herrera o probou cun remate na área aos 63 minutos.

O Deportivo mostrouse impreciso en liña de tres cuartos, nin sequera o seu home de referencia nesa demarcación, Çolak, se sentiu a gusto. Apenas lle esixiu ao seu rival. Fernando Vázquez esperou ao minuto 82 para introducir a primeira permuta, xusto despois doutra aproximación do Lugo á área branquiazul.

Os de Lugo acabaron mellor o partido porque aos branquiazuis faltoulles gasolina e ideas. Xa empezan a asumir, se non o facían xa, que o o seu obxectivo, como o dos branquivermellos, vai ser amarrar a permanencia.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here