Primeiros pasos para a posta en valor da ruta dos batáns de Xermade

A Xunta deu luz verde á reconstrución da nora do batán de Lousada, unha roda de madeira cuxa restauración permitirá recuperar este enclave tan importante a nivel etnográfico e patrimonial.

Imaxes dun muíño e batán en Xermade | Concello de Xermade

O Consello Territorial de Patrimonio Cultural de Lugo, organismo dependente da Consellería de Cultura e Turismo, acordou autorizar a obra de reconstrución da nora -ou roda de madeira- do batán de Lousada. Desta maneira, procúrase recuperar esta maquinaria histórica que forma parte do patrimonio de Xermade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o batán é un mecanismo singular destinado á transformación de tecidos abertos noutros máis tupidos. Para iso empregábase a forza dunha corrente de auga á beira da cal era construído este dispositivo.  Aínda que hoxe en día están en desuso, “estes elementos teñen un gran valor etnográfico e histórico xa que foron moi importantes hai décadas para o desenvolvemento do día a día da economía local, vinculada á fabricación de tecidos”, dixo Balseiro.

A reconstrución da roda farase en madeira de carballo e dará como resultado unha estrutura circular de 2 metros de diámetro disposta no extremo dun eixe con catro radios e varias pás no borde exterior. Xunto coa forza da auga, este mecanismo acciona os mazos de abatanaban os tecidos.

A RUTA DOS BATÁNS

“Este proceso de reconstrución debe entenderse incluído nun máis amplo de reconstrución e posta en valor da ruta dos batáns de Xermade, que inclúe a creación dun centro de interpretación e diversos paneis informativos”, engadiu o delegado. Segundo el mesmo asegurou, a Xunta tamén colabora con financiamento a través do Grupo de Desenvolvemento Local que achega 64.000 euros case o 80% do investimento previsto.

O batán de Lousada é un ben protexido incluído como tal na normativa urbanística local vixente e no catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Esta protección afecta ao propio elemento individualmente singularizado e tamén á súa contorna. Así pois, a intención destas obras é a de respectar e reconstruír con fidelidade as pezas desaparecidas deste ben protexido.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here