A Deputación terá que ceder a residencia de Castroverde ao Concello

Partido Popular e Martínez asestan outro golpe os socialistas lucenses, alimentando o conflito entre o besteirismo e a facción crítica co aparato

Álvaro Santos, secretario xeral dos socialistas lucenses, durante a sesión na que se discutiu a cesión da residencia de Castroverde | Óscar Bernárdez
Álvaro Santos, secretario xeral dos socialistas lucenses, durante a sesión na que se discutiu a cesión da residencia de Castroverde | Óscar Bernárdez

Hai tres anos, Castroverde ía supor a estrea dun novo modelo de xestión das residencias da terceira idade na provincia de Lugo, un proxecto capital para os socialistas. Porén, o centro de maiores da localidade mudou nun novo golpe a credibilidade do goberno provincial que preside Darío Campos, obrigado polo pleno da Deputación a ceder as instalacións –inauguradas, pero sen funcionar– a un concello controlado pola facción crítica do partido.

O concello en cuestión xa solicitara en xullo a cesión do inmoble e os fondos para o seu funcionamento, a pesar de nunca asinar coa Deputación o convenio imprescindible para obter tales recursos. Financiamento á parte, o mandado do pleno provincial implica que o executivo renuncie a abrir forzosamente a residencia, logo de retirar as competencias a Suplusa para tal fin e recuperar a titularidade do centro, a expensas do que poida decidir a xustiza sobre a sociedade do solo lucense, e da posible intervención administrativa.

Xose María Arias, rexedor de Castroverde, é antagonista do secretario xeral Álvaro Santos, a quen se enfrontou nas primarias polo control do partido na provincia de Lugo. Inimigo do aparato, Arias aliñouse cos postulados de Manuel Martínez, o deputado expulsado das filas socialistas, e aínda presidente de Suplusa. Así e todo, a iniciativa plenaria partiu do Partido Popular, que asumiu a defensa do ente encargado da construcción das residencias da terceira idade, pois ten maioría no Consello de Administración.

Manuel Martínez, presidente de Suplusa | Óscar Bernárdez
Manuel Martínez, presidente de Suplusa | Óscar Bernárdez

Malia as importantes desavenencias coa formación que lidera Elena Candia durante a maior parte da sesión plenaria, a iniciativa obtivo apoio do Bloque Nacionalista Galego, aínda que só no que respecta á cesión das instalacións. Na fronte nacionalista esgrimen que é “lícito e lóxico” que o Concello poida xestionar a residencia, se así o decide o pleno municipal, onde oito dos once asentos están controlados polos socialistas de Castroverde.

Dende o Bloque solicitaron votar por separado a outra proposta contida na moción, para dotar a Castroverde da ordenanza de prezo público das residencias e centros de día da Deputación de Lugo. Foi un punto polémico, pola intromisión que supón na potestade do Concello. Campos cualificou a medida de “pouco seria”, e canda o seu grupo expresou dúbidas sobre se o goberno provincial pode facer tal pronunciamento.

Candia, no medio de fortes ataques a Santos, xustificou a cesión da residencia para solucionar o bloqueo existente entre Suplusa e a Deputación, e que deberá valorar unha instancia superior logo da resolución da Audiencia Provincial de Lugo. Pola súa banda, Martínez –que mantivo un duro intercambio verbal con Campos– asegurou que “tres anos e medio de liortas innecesarias deben chegar á fin coa cesión, coas dotacións económicas aprobadas no pleno provincial para outros concellos”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here